Inicio / Noticias / A Xunta reabre o prazo de presentación de ofertas das obras de reforzo do firme de tres estradas autonómicas que vertebran as comunicacións con Monforte de Lemos
04/05/2020 - 04:59

Santiago de Compostela, 4 de maio de 2020.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de reabrir o prazo de presentación de ofertas para a execución das obras de reforzo localizado do firme en tres estradas que vertebran as comunicacións con Monforte de Lemos e na estrada LU-722 ao seu paso polo municipio de Navia de Suarna, cun investimento superior os 1,25 millóns de euros.A Xunta reabriu hoxe o prazo de presentación de ofertas para realizar esta actuación, xa licitada, pero afectada inicialmente pola suspensión de prazos nos procedementos administrativos coa declaración do estado de alarma.A reactivación do procedemento, que recolle xa a plataforma de contratos públicos da Xunta, establece que as empresas interesadas na execución deste proxecto poden presentar as súas ofertas ata o vindeiro día 22 de maio. O departamento de Infraestruturas prevé que no vindeiro verán poidan comezar estas obras, que teñen un prazo de execución de seis meses.Este contrato suporá a mellora de diferentes treitos da vía de altas prestacións VG-2.1 de Monforte; da LU-933 neste mesmo concello; e da LU-546 (vía que conecta Nadela con Monforte) ao seu paso polos municipios do Corgo, Láncara, O Páramo e Sarria. Tamén prevé a rehabilitación do firme da LU-722 en Navia de Suarna.Na VG-2.1 actuarase en toda a lonxitude da vía, de preto de 3 quilómetros, para realizar unha renovación completa da capa de rodaxe na calzada e nas beiravías.Na estrada LU-933 está previsto mellorar o firme coa extensión dunha nova capa de rodaxe ao longo de cinco quilómetros entre Monforte e Bascós, incluído o treito urbano dentro da localidade monfortina. Tamén se realizará unha limpeza de gabias e noiros. Pola súa banda, na LU-546 actuarase nuns 10,7 quilómetros e o proxecto contempla o reforzo localizado do firme, mediante a realización de fresados a carril completo e a extensión dunha nova capa de rodaxe en carrís e beiravías. Finalmente, na estrada LU-722, que conecta Navia con Becerreá e a autovía A-6, actuarase no seu tramo final. En concreto, dende a saída da Pobra de Navia, capitalidade municipal ata o cruzamento coa vía provincial LU-P-3502.En todas as estradas está previsto completar as actuacións de mellora do firme coa execución posterior de tarefas de reposición e renovación da sinalización horizontal e balizamento.