Inicio / Noticias / A Xunta reabre o prazo de presentación de ofertas para a execución da mellora do firme na autovía Ferrol-Vilalba, no tramo que vai do enlace de Cabreiros ao enlace coa A-8, en Lugo
04/05/2020 - 04:42

Santiago de Compostela, 4 de maio de 2020.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de reabrir o prazo de presentación de ofertas para a execución das obras de rehabilitación de firme na autovía Ferrol-Vilalba ao seu paso por Lugo, no tramo que vai do enlace de Cabreiros ao enlace coa A-8, por un importe de preto de 1,3 millóns de euros.A Xunta reabriu hoxe o prazo de presentación de ofertas para realizar esta actuación, xa licitada, pero afectada inicialmente pola suspensión de prazos nos procedementos administrativos coa declaración do estado de alarma.A reactivación do procedemento, que recolle xa a Plataforma de contratos públicos da Xunta, establece que as empresas interesadas na execución deste proxecto poden presentar as súas ofertas ata o vindeiro día 22 de maio. As obras dispoñen dun prazo de execución de 6 meses, a contar desde a formalización do contrato de adxudicación.O obxecto desta actuación é a mellora das condicións de confort e comodidade mediante o reforzo de firme localizado da AG-64, entre os puntos quilométricos 42+500 e 55+900, sendo a lonxitude total dos treitos da actuación de preto de 15 quilómetros.Máis en concreto, o contrato recolle a rehabilitación do firme nos tramos que presenten carencias para prolongar a vida útil do pavimento, mediante o fresado e reposición do firme existente con mestura bituminosa en quente ou o seu recrecido con microaglomerados segundo as necesidades.Ademais, como actuacións complementarias executarase o repintado da sinalización horizontal e unha mellora puntual da drenaxe. Tamén se reporá a sinalización vertical na estrada LU-540.