Inicio / Noticias / A Xunta reafirma o seu compromiso coa execución da Variante de Alba e reclama que o concello de Pontevedra se implique no traballo a prol dun trazado de consenso
16/12/2019 - 06:57

Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2019.- A Xunta de Galicia reafirma o seu compromiso co impulso da Variante de Alba e reclama que o Concello de Pontevedra se implique no traballo a prol dun trazado de consenso.

O Goberno galego lembra que o propio Concello de Pontevedra presentou unhas duras alegacións en contra do proxecto de trazado da Variante de Alba sometido a información pública pola Xunta o pasado verán. Esas discrepancias trasladadas pola Administración local, engadidas á postura dos veciños de Campañó, dificultan a execución dese mesmo.

A Xunta de Galicia leva máis de dous anos traballando con intensidade na definición do proxecto da Variante de Alba, unha demanda do Concello de Pontevedra, co que mantén un diálogo permanente, así como co Ministerio de Fomento, que debe autorizar a conexión desta vía de nova construción coa rede estatal de estradas.

Despois de analizar diferentes alternativas, a Xunta someteu a información pública o pasado verán o proxecto de trazado que os técnicos consideraron que permitía cumprir o triplo obxectivo da mellora da seguridade viaria, o menor impacto territorial e a utilidade aos usuarios.

Ese proxecto, que prevía un investimento de 8,2 millóns de euros na súa primeira fase, permitía cumprir o obxectivo de liberar o núcleo de San Caetano do paso do 75% do tráfico que soporta na actualidade. No momento da súa presentación, a conselleira de Infraestruturas trasladou a vontade do Goberno galego de licitar as obras no ano 2020.

Sen embargo, durante o período de alegacións evidenciouse a falta de consenso social sobre ese proxecto de trazado, que, ademais de causar unha importante preocupación na parroquia de Campañó, foi tamén criticado polo goberno municipal de Pontevedra.

Por ese motivo, a Xunta entende que o Concello debe contribuír á reformulación dese trazado co que se mostrou crítico.

Os Orzamentos da Administración autonómica para o ano 2020 conteñen a partida necesaria para licitar as obras se nese exercicio se consigue pechar un trazado de consenso.