Inicio / Noticias / A Xunta realiza actuacións de conservación e limpeza no treito interurbano do río Somoza, no concello da Estrada
17/02/2021 - 02:40
A Xunta realiza actuacións de conservación e limpeza no treito interurbano do río Somoza, no concello da Estrada

Santiago de Compostela, 17 de febreiro de 2021.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, executa actuacións de conservación e limpeza no treito interurbano do río Somoza, ao seu paso polo municipio da Estrada.

Estes traballos estanse a desenvolver no leito deste río, á altura da parroquia de Santo André da Somoza.

As tarefas céntranse na retirada de árbores mortas e madeira caída sobre a canle, así como roza selectiva, limitada ao ancho da canle, en tramos ocultos pola maleza. Unha vez finalizadas estas actuacións, o río quedará despexado de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.

Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, no ámbito territorial Galicia-centro e as súas zonas de acceso e protección.

Este tipo de traballos permite a mellora dos leitos fluviais para acadar condicións naturais do ecosistema que favorezan os aspectos medioambientais e de uso social na contorna do río.