Inicio / Noticias / A Xunta realiza rozas e limpeza en máis de 30 estradas autonómicas para previr lumes e reforzar a seguridade viaria
27/05/2020 - 14:10
A Xunta realiza rozas e limpeza en máis de 30 estradas autonómicas para previr lumes e reforzar a seguridade viaria

Santiago de Compostela, 27 de maio de 2020.- A Xunta realiza rozas e limpeza en máis de 30 estradas autonómicas para previr lumes e reforzar a seguridade viaria.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, e co director xeral de Defensa do Monte, Tomás Fernández-Couto, mantivo unha videoconferencia co equipo de Seaga responsable destes traballos nas marxes das vías.

No encontro abordouse a organización dos traballos de limpeza e roza que se van realizar ata finais de xullo nas franxas de dominio público de varias estradas autonómicas das catro provincias.

Na xuntanza constatouse, en primeiro lugar, que eses labores se están a realizar coas necesarias medidas de protección da saúde dos profesionais pola covid-19.

Este contrato xa botou a andar a semana pasada en estradas da Mariña luguesa e da zona do Baixo Miño, onde estivo traballando o persoal de Seaga. Esta semana continúan as tarefas de retirada de árbores, rozas e limpeza de marxes en vías autonómicas da área da Coruña, Ferrol, A Mariña, Baixa Limia e Viana ou Vigo.

Os traballos céntranse na retirada de especies pirófilas, aquelas que son máis propensas á propagación do lume, co fin de previr incendios forestais.

Tamén se levan a cabo rozas para completar o traballo ordinario de conservación das estradas e reducir progresivamente o uso de herbicidas, dando cumprimento a un acordo parlamentario.

Ademais realízase o acondicionamento de zonas verdes e sendas peonís, para que estean en condicións axeitadas, pensando xa no incremento de uso que experimentan no verán.

Estas intervencións teñen un triplo obxectivo, sendo o primeiro o de previr lumes, agora que se achega a época de maior risco. Os citados traballos permiten dar cumprimento á normativa de incendios e contribuír ao efecto cortalumes que teñen as estradas.

O segundo fin destas actuacións é reforzar a seguridade viaria, cun bo mantemento e limpeza das vías que favorezan a visibilidade dos usuarios.

O terceiro obxectivo dos traballos que se están a acometer é fomentar unha mobilidade máis segura, sustentable e respectuosa co medio, ao manter en boas condicións as sendas e zonas verdes para o tránsito peonil.