Inicio / Noticias / A Xunta realizará un seguimento para garantir os prazos de construción e o inicio da actividade das empresas que adquiriron solo no parque empresarial de Carballo
25/04/2018 - 05:41

Santiago de Compostela, 25 de abril de 2018.- A Xunta realizará un seguimento para garantir o cumprimento dos requisitos de adxudicación de solo no parque empresarial de Carballo co fin de que as empresas adquirentes inicien a súa actividade no tempo establecido. Así o acordaron hoxe nunha reunión o director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Heriberto García Porto, e o alcalde, Evencio Ferrero.

Os adxudicatarios de solo empresarial bonificado teñen o compromiso de construír as súas instalacións e obter a licenza de actividade no prazo de tres anos dende a formalización da compravenda das parcelas. As primeiras adxudicacións de solo bonificado realizáronse en 2015, polo que o prazo de tres anos cumprirá ao longo de 2018.

No pasado mes de febreiro xa se remitiron comunicacións a todas as empresas de Galicia que mercaron solo, requiríndolles o cumprimento dos compromisos adquiridos na compra e, no caso das empresas que mercaron solo bonificado en 2015, lembrándolles que este ano se cumpren os tres anos de prazo.

Na xuntanza chegouse ao acordo de facer un seguimento continuo da evolución do solo dispoñible no parque de Bértoa, con carácter previo á toma de decisións respecto dunha posible ampliación do parque, tendo en conta que aínda hai dispoñibles para venda máis de 111.000 metros cadrados e que na mesma área funcional na que se atopa Carballo se está desenvolvendo o parque empresarial de Morás.

Dende a implantación das bonificacións en 2015, o de Carballo foi o parque empresarial en que máis solo se adxudicou en toda Galicia, acadando 262.229 metros cadrados, polos que as empresas pagaron un total de 9,38 millóns de euros, cos descontos do 50 % no prezo das parcelas, o que supuxo unha bonificación da Xunta de máis de 9,26 millóns de euros.