Inicio / Noticias / A Xunta recibe 7 ofertas para o acondicionamento das beirarrúas na estrada PO-504 en Sanxenxo, que suporán un investimento de preto de 223.000€
04/05/2022 - 13:57

Santiago de Compostela, 4 de maio de 2022.- A Xunta recibiu 7 ofertas de empresas para executar as obras do acondicionamento das beirarrúas na estrada PO-504 en Sanxenxo, que suporán un investimento de preto de 223.000 euros.

 

O obxectivo da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade é comezar as obras tras o verán, previsiblemente no mes de setembro.

 

Trátase de actuacións encamiñadas a mellorar a accesibilidade peonil e a seguridade viaria ao longo desta vía autonómica, entre os puntos quilométricos 0+680 e 4+450.

 

Co deseño proxectado conséguese dar continuidade, pola marxe esquerda da estrada, a un itinerario de ancho axeitado para facilitar o paso dos peóns, ao mesmo tempo que se ordena o aparcadoiro e se melloran os vaos.

 

De xeito máis detallado, levarase a cabo a ampliación da beirarrúa existente, onde esta non dispoña de anchura suficiente, e a creación de novos treitos de beirarrúa onde non existan.

 

Tamén se inclúe no proxecto a renovación de baldosas deterioradas na beirarrúa actual na marxe esquerda, a elevación da cota de beirarrúa, a reordenación do aparcadoiro na marxe esquerda ou a instalación de vallas de protección de contedores.

 

Ademais executaranse novos sumidoiros, procederase á reubicación de semáforos e iluminación, instalación de vallas de protección, repintado e creación dun novo paso de peóns no punto quilométrico 1+230.

 

Esta actuación complementa a mellora de seguridade viaria na estrada PO-504, entre Sanxenxo e Vilalonga, que suporán un investimento de 970.000 euros.

 

Neste caso, actuarase ao longo de 2 quilómetros desta vía autonómica co fin de eliminar un treito de concentración de accidentes ao seu paso polo municipio de Sanxenxo.

 

Así, ambas as intervencións, que se desenvolverán de xeito simultáneo, sumarán un investimento nesta estrada que superará o millón de euros.

 

O Goberno galego continúa traballando na mellora da rede viaria autonómica para proporcionarlles aos cidadáns unhas estradas cómodas e seguras.