Inicio / Noticias / A Xunta recibe as ofertas de 13 empresas para executar o acondicionamento da estrada AC-110 no Concello das Somozas, que suporá un investimento de máis de 500.000 €
05/04/2021 - 03:42

Santiago de Compostela, 5 de abril de 2021.- A Xunta vén de recibir as ofertas de 13 empresas para executar as obras de acondicionamento do trazado da estrada autonómica AC-110 ao seu paso polo concello das Somozas.

Esta actuación ten un prazo de execución de 6 meses. A previsión da Xunta é iniciar os traballos no verán e telos rematados este mesmo ano.

Os traballos foron licitados por preto de 403.000 euros pero suporán un investimento global próximo aos 500.000 euros, tendo en conta o pagamento dos 5 predios necesarios para a execución das obras. Ademais, a intervención complementarase con obras de urbanización que prevé acometer o Concello das Somozas, cun investimento de 163.000 euros.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade celebrou o día 1 de marzo o acto de levantamento de actas previas á ocupación dos terreos e a convocatoria de pagamento dos depósitos previos está fixada para o vindeiro día 21 de abril.

O detalle da intervención

As obras consistirán na modificación do trazado de dúas curvas consecutivas na contorna dos puntos quilométricos 11+500 e 11+700, de xeito que se facilite a circulación, así como a seguridade viaria para os veciños.

O proxecto recolle a construción de dúas estruturas, unha para salvar a diferenza de cotas entre a nova rasante e o terreo natural; e outra entre a nova rasante e a das beirarrúas naqueles puntos nos que esta está condicionada pola cota de acceso ás vivendas.

Ademais da calzada, reporanse as beirarrúas e empregarase un pavimento de formigón en cor reforzado con mallazo. Prolongarase, tamén, a drenaxe transversal no treito que se acondiciona.

A obra complementarase coa sinalización completa, tanto horizontal como vertical, da vía e incluirá os elementos de balizamento e defensas, alumeado público, canalización de telecomunicacións e reposición dos servizos municipais.