Inicio / Noticias / A Xunta recibe as ofertas de 8 empresas para executar a renovación das beirarrúas da estrada PO-226 en Moraña, cun investimento de máis de 387.000 euros
16/07/2022 - 14:23

 Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2022

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade recibiu as ofertas de 8 empresas para executar as obras de renovación das beirarrúas da estrada PO-226, que suporán un investimento de máis de 387.000 euros.

A Xunta prevéadxudicar as obras no mes de setembro e empezar a traballar sobre o terreo no outono, co obxectivo de telas rematadas na primavera do 2023, xa que contan cun prazo de execución de seis meses.

Con esta actuación, o departamento de Infraestruturas da Xunta trata de facilitar a mobilidade dos veciños de Moraña, para o que se intervirá nun treito estratéxico desta vía autonómica, coincidente co núcleo de Santa Lucía, na parroquia de Saiáns, onde está situada a Casa do Concello, a biblioteca pública e a escola municipal de música, ademais de diferentes establecementos comerciais, como a panadería.

Máis en detalle, intervirase nun treito de 300 metros da estrada PO-226, desde a intersección que dá acceso ao Consistorio ata a chegar ao límite do casco urbano, onde as beirarrúas se atopan deterioradas debido ao esgotamento da vida útil do pavimento. A Xunta vai actuar, renovándoas e adaptándoas á nova normativa de accesibilidade.

O proxecto deseñado pola Xunta abrangue as dúas marxes do que é a principal vía do municipio, renovando as beirarrúas, facéndoas accesibles e ampliando o seu ancho nun treito da marxe esquerda para facilitar o tránsito dos peóns.

Xunto con isto, está prevista a rehabilitación do firme dos carrís de circulación, o que favorecerá tamén o tránsito dos vehículos en boas condicións.

Nesta actuación aproveitarase para intervir nos servizos de abastecemento, saneamento e pluviais, impulsando unha importante mellora, ao construír unha liña exclusiva para canalizar a auga de chuvia e separala das fecais, dotando este treito dunha rede de saneamento separativa.

Ademais, renovarase a iluminación e procederase ao soterramento das liñas eléctricas e de telecomunicacións, executando un prisma para estes servizos.

A actuación completarase coa instalación de mobiliario urbano e axardinamento para humanizar este treito de travesía de PO-226, que constitúe o corazón do municipio e que vai gañar, con esta actuación, espazo público para o desfrute dos veciños.

O departamento que dirixe Ethel Vázquez segue traballando para responder ás necesidades do rural con obras e servizos importantes para mellorar a calidade de vida de moitos galegos. Neste caso, trátase de facilitar que os veciños de Moraña poidan realizar os seus desprazamentos máis habituais en condicións de seguridade e de comodidade.