Inicio / Noticias / A Xunta recibe un total de 11 ofertas para executar as obras de mellora do firme en 3 estradas autonómicas nas comarcas do Eume, Ferrol e Ortegal, cun investimento de preto de 11 M€
20/05/2021 - 04:03

Santiago de Compostela, 20 de maio de 2021.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade recibiu un total de 11 ofertas para executar as obras de mellora do firme en tres estradas autonómicas das comarcas do Eume, Ferrol e Ortegal, cun investimento de preto de 1 millón de euros.

Estas actuacións, que se prevén iniciar no verán co obxectivo de telas rematadas este mesmo ano, consistirán no acondicionamento da capa de rodadura das estradas de titularidade da Xunta AC-101, AC-110 e AC-566, ao seu paso polos concellos de Narón, Valdoviño, Cedeira, As Pontes, Ortigueira, Cerdido, Moeche e As Somozas.

De modo máis concreto, na estrada AC-101, actuarase entre os puntos quilométricos 9+915 ata o 11+530 e 16+850 ata o 17+800; na AC-110, fundamentalmente, nos primeiros 10 km de estrada, entre os puntos 0+600 ao 10+200; e na AC-566 entre os puntos quilométricos 1+100 e 8+000, 16+150 e 17+150 e do 29+200 ata o 41+400.

Os traballos inclúen a mellora do firme das estradas mediante o fresado de 5 centímetros da capa de rodadura e posterior reposición mediante unha capa de mestura bituminosa do mesmo espesor.

Nas zonas non urbanas das citadas estradas realizarase tamén a limpeza e reperfilado dos noiros e tamén se reporán as marcas das vías nas que se actúa e en todos os cebreados e marcas das 3 estradas.

Ademais, nos treitos máis avellentados e lixeiramente fisurados, sinuosos ou esvaradíos da AC-566, estenderase una capa de microaglomerado. Nesta estrada, no punto quilométrico 6+900, tamén se reforzará a seguridade nas paradas de autobús mediante a pavimentación con 21 centímetros de formigón, limitada con bordos.

O departamento que dirixe Ethel Vázquez continúa traballando na conservación e no mantemento da rede viaria autonómica coa fin de proporcionarlles unhas estradas máis seguras e cómodas aos cidadáns.