Inicio / Noticias / A Xunta recibe un total de 118 ofertas aos 7 contratos de conservación e vialidade invernal das estradas autonómicas nos vindeiros 4 anos, que suporán un investimento de 133,5 M€
26/05/2021 - 14:24

Santiago de Compostela, 26 de maio de 2021.- A Xunta recibe un total de 118 ofertas para os 7 contratos que garantirán a conservación ordinaria e a vialidade invernal en 5.380 quilómetros de estradas autonómicas nos vindeiros 4 anos, que suporán un investimento conxunto de 133,5 millóns de euros.

O obxectivo é manter a rede viaria autonómica nas mellores condicións para garantir a seguridade viaria e propiciar desprazamentos máis cómodos e seguros aos usuarios.

A ampla extensión da rede viaria autonómica fai necesario establecer sete áreas diferenciadas para a mellor organización do traballo, que se corresponden cos sete contratos: as provincias da Coruña, de Lugo e de Pontevedra, contan con dúas áreas cada unha, norte e sur; e unha única área na provincia de Ourense.

O programa de conservación ordinaria permite unha vixilancia e control das estradas autonómicas para detectar anomalías e corrixilas o antes posible.

No marco destas actuacións, lévanse a cabo a reposición da sinalización ou das barreiras de seguridade, a limpeza e mantemento dos elementos de drenaxe das estradas ou o repintado da estrada e dos elementos que as conforman.

Tamén forman parte destas actuacións os traballos de roza periódicos para o control da vexetación e garantir unha boa visibilidade, así como as melloras de firme ou reparacións de pontes, obras de paso ou noiros de menor entidade.

Os contratos tamén blindan a atención das emerxencias que se poidan producir na rede de estradas da Xunta. Así, realízanse limpezas de aceites na calzada, retíranse animais mortos ou árbores caídas ou sinalízanse incidentes que condicionen o tráfico.

Esta licitación abrangue o programa de vialidade invernal, que todos os anos se activa en novembro e se prolonga ata abril, dispoñendo os medios materiais e humanos para garantir as condicións de circulación ante os efectos da climatoloxía adversa.

Os contratos van permitir realizar rozas ao longo de case 65.000 quilómetros de estradas autonómicas, incrementando nun 33% as limpezas para o control da vexetación nas marxes, fronte a outros métodos como os herbicidas. Isto supón un incremento das partidas que se reflicte no importe de licitación dos contratos e dar cumprimento ao acordo do Parlamento.

Ademais, renovaranse os sinais verticais en preto de 7.000 km da rede viaria autonómica e as marcas viarias en máis de 17.000 km, o que na práctica significa repintar toda a rede de estradas da Xunta.

Cómpre lembrar que os contratos permitirán subrogar ao persoal que viña desenvolvendo estas tarefas, garantindo un posto de traballo estable a 262 persoas, que conservan a antigüidade.

Conservación extraordinaria

Tan importante como executar novas estradas o é conservar en bo estado as existentes, polo que estes traballos de conservación ordinaria e vialidade invernal da Xunta se complementan con outras actuacións extraordinarias.

Neste sentido, o Goberno galego vén desenvolvendo iniciativas como a Estratexia de eliminación de treitos de concentración de accidentes, na que está a investir 15 M€.

Tamén está en marcha o Programa de inspección de pontes e obras de paso, que o pasado ano se estendeu aos muros e noiros das estradas autonómicas.

Ademais, a Consellería de Infraestruturas traballa co obxectivo de chegar neste 2021 aos 22,3 M€ de investimento en melloras de firme, o que reflicte a intensidade da Xunta na atención ao estado das estradas da súa titularidade.