Inicio / Noticias / A Xunta redactará e someterá a información pública o proxecto do aparcadoiro que dará servizo ao centro de saúde de Narón, na marxe da estrada AC-862, que logo executará o concello
31/07/2020 - 03:19
A  Xunta redactará e someterá a información pública o proxecto do aparcadoiro que dará servizo ao centro de saúde de Narón, na marxe da estrada AC-862, que logo executará o concello

Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2020.- A Xunta, a través da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, redactará, someterá a información pública e aprobará o proxecto do aparcadoiro que se construirá na marxe da estrada autonómica AC-862 para dar servizo ao Centro de Saúde de Narón, un aparcadoiro que logo se encargará de executar o Concello.

Así o acordaron esta mañá na reunión de traballo que mantiveron o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, coa alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, na que abordaron este asunto.

O aparcadoiro ubicarase a carón da propia estrada autonómica, o que permitirá a tramitación do proxecto por Lei de Estradas, dun xeito máis áxil e sinxelo que tramitar unha modificación urbanística.

Na reunión, o director da Axencia Galega de Infraestruturas trasladou a importancia de que os accesos ao Centro de Saúde, que está a licitar e executará o Concello, poidan estar rematados a tempo cando a infraestrutura sanitaria se poña en servizo.

A Axencia Galega de Infraestruturas está a executar, por encomenda da Consellería de Sanidade, esta infraestrutura sanitaria, que avanza a bo ritmo, coa previsión de ter as obras rematadas entre finais deste ano ou principios do próximo.

Nestes momentos a estrutura e cuberta do centro está rematada, estase ultimando o muro cortina da fachada e a punto de comezar o revestimento, que se fará con aluminio. Tamén en breve se iniciarán os traballos de tabiquería interior e instalacións, que será o principal traballo que se realizará nos vindeiros meses.

Mellora do firme e cambio de titularidade da AC-114

Na reunión, o director da Axencia Galega de Infraestruturas trasladoulle á alcaldesa de Narón a vontade da Xunta de acometer unha mellora do firme na estrada AC-114, a estrada de Baltar, con aglomerado, como paso previo á súa transferencia á rede municipal. Esta estrada AC-114 é unha vía de 630 metros de lonxitude que discorre integramente polo municipio de Narón e rexistra un tráfico estimado de 290 vehículos ao día. A vía ten unha funcionalidade completamente local, pois non sirve de soporte ao transporte interurbano nin dá acceso a un equipamento de interese autonómico, que son as principais funcións das vías da Xunta, polo que é oportuno o cambio de titularidade ao Concello de Narón, como se abordou na reunión de hoxe.