Inicio / Noticias / A Xunta remata a construción dunha senda peonil na estrada PO-300 no Concello de Ribadumia
10/09/2021 - 04:13
A Xunta remata a construción dunha senda peonil na estrada PO-300 no Concello de Ribadumia

Santiago de Compostela, 10 de setembro de 2021.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade rematou a construción dunha senda peonil na estrada autonómica PO-300, ao seu paso polo concello de Ribadumia.

A intervención, cun investimento autonómico de case 48.000 euros, consistiu na execución dun itinerario na marxe dereita desta estrada, entre os puntos quilométricos 4+700 e 4+815.

A senda, cun ancho mínimo de 1,80 metros, de formigón terrizo, dispón de bordos elevados 10 centímetros con respecto á calzada.

Nas zonas onde existía firme ou beiravía realizouse a escavación ata a profundidade necesaria para a posterior execución da zona peonil. No extremo máis exterior, a senda apóiase sobre o muro de perpiaño existente, e para protexer de posibles caídas, colocouse unha varanda de protección.

Na zona contigua á senda, aproveitando a franxa existente entre esta e a estrada, dispúxose tamén unha zona de aparcamento.

As obras tamén incluíron a execución dunha canalización subterránea e sumidoiros e pozos de rexistro que permitan a evacuación óptima da auga da plataforma e da propia zona de circulación peonil.

A Xunta continúa traballando para facilitar os desprazamentos a pé dos cidadáns en condicións máis cómodas, seguras e sustentables.