Inicio / Noticias / A Xunta remata a nova senda peonil e ciclista na PO-551 entre Bagüín e Seixo, no concello de Marín, cun investimento de case 700.000 €
30/03/2023 - 13:02
A Xunta remata a nova senda peonil e ciclista na PO-551 entre Bagüín e Seixo, no concello de Marín, cun investimento de case 700.000 €

Marín (Pontevedra), 30 de marzo de 2023 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de rematar as obras de construción da nova senda peonil e ciclista na estrada autonómica PO-551 no treito entre os lugares de Bagüín e Seixo, no concello de Marín, cun investimento de case 700.000 euros.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e a alcaldesa de Marín, María Ramallo, supervisaron esta mañá o resultado final desta actuación, que supuxo a creación dun novo percorrido para peóns e ciclistas con 940 metros de lonxitude e que adiou o seu remate sobre as previsións iniciais pola necesidade de incorporar unha pasarela para salvar a zona histórica do Pozo da Revolta.

Esta nova senda discorre pola marxe dereita da estrada PO-551 e configúrase como un itinerario seguro en formigón coreado situado 3 centímetros por riba da calzada en todo o tramo, agás nun pequeno espazo, de 45 metros de lonxitude, con estrutura en voadizo. Todo o percorrido conta cunha anchura de cando menos 1,8 metros que garante a accesibilidade.

Así mesmo, a actuación completouse coa instalación dun paso de peóns con semáforo con pulsador, xusto nas inmediacións da parada de autobús, co acondicionamento da zona de aparcadoiro e a súa delimitación coas zonas de paso, coa reubicación do emprazamento dos contedores de recollida de lixo e coa mellora do acceso á praia de Aguete.

Respecto á vía de conexión con este areal, procedeuse á ampliación da plataforma da calzada co fin de facilitar as manobras de condución, mellorar a mobilidade na zona e reforzar a seguridade viaria.

Este itinerario súmase a outros xa en servizo no concello de Marín, como o que conecta Vilaseca e Lapamán, executado nesta mesma estrada autonómica PO-551, ou o existente entre Coirados e Pardavila, na estrada PO-313.

A Xunta de Galicia vén de acometer un fortísimo investimento en seguridade peonil e mellora das estradas cos distintos plans de sendas na contorna da área urbana de Pontevedra, con actuacións na capital provincial e nos municipios de Marín, Bueu e Poio, co obxectivo de ter unha rede de infraestruturas máis confortable e segura nunhas cidades e vilas con moita poboación e que ademais teñen unha mobilidade moi interconectada”, explicou o delegado territorial.

Todos estes itinerarios no municipio marinense enmárcanse no Plan de Sendas da comarca do Morrazo, que recolle a execución de percorridos seguros, sostibles e integrados na paisaxe cun investimento superior aos 4,5 millóns de euros. As actuacións son cofinanciadas con fondos FEDER 2014/2020.