Inicio / Noticias / A Xunta remata o itinerario peonil entre a Barcia e Roxos e completa o Plan de Sendas de Galicia na comarca de Santiago, cun investimento de 3,74 millóns de euros
23/04/2020 - 14:15
A Xunta remata o itinerario peonil entre a Barcia e Roxos e completa o Plan de Sendas de Galicia na comarca de Santiago, cun investimento de 3,74 millóns de euros

Santiago de Compostela, 23 de abril de 2020.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de rematar as obras de execución do novo itinerario peonil entre a Barcia e Roxos, completando con esta actuación o Plan de Sendas de Galicia na comarca de Santiago, cun investimento de 3,74 millóns de euros.Trátase do itinerario peonil e ciclista de 2,4 quilómetros na marxe dereita da estrada autonómica AC-543, no municipio de Santiago, cuxos traballos foron retomados a semana pasada tras a súa paralización durante dúas semanas polo estado de alarma. As tarefas para o remate da senda que une os núcleos da Barcia e Roxos ultimáronse nestes días tras solucionarse o problema de retranqueos de liñas eléctricas e de telecomunicacións, necesario para rematar estas obras. O investimento da Xunta neste novo itinerario supera o millón de euros.Esta nova senda, en formigón coloreado, fai que sexa máis facilmente visible e identificable polos vehículos que circulan polo viario e está separada da vía por unha zona axardinada en distintos treitos. Nesta actuación tamén se executou unha pequena pasarela de madeira con varanda para salvar o regato existente e, ademais, aproveitouse para instalar a canalización das augas de drenaxe e a colocación de tubaxes, en previsión de futuras necesidades de telefonía ou electricidade. Coa posta en servizo do novo treito Barcia-Roxos os veciños teñen á súa disposición unha senda continua de máis de 5 quilómetros ao longo da estrada Santiago-Noia, entre o seu inicio en Vidán (en Santiago) e Aldea Nova (en Ames), logo da execución dos tramos de Vidán-Laraño e de Roxos–Aldea Nova. Isto, unido ás beirarrúas xa existentes, permite ir camiñando ata Bertamiráns.A estes itinerarios hai que sumar a senda existente nesta mesma estrada no concello de Brión, entre a urbanización Monte Devesa e ata Aldea Buio. Deste xeito os veciños poden seguir camiñando de modo seguro ata Brión.O departamento de Infraestruturas da Xunta, a través do Plan de Sendas de Galicia, executou na comarca de Santiago preto de 15 Km de itinerarios sostibles, cumprindo co obxectivo de favorecer que a xente poida facer os seus desprazamentos habituais, a pé ou en bici, dunha forma máis cómoda e segura.As sendas executadas dentro desta iniciativa do Goberno galego cofináncianse con fondos europeos do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.