Inicio / Noticias / A Xunta remata o proxecto para a reubicación da parada de autobús na travesía de Laño da estrada PO-308, no concello de Poio
06/06/2022 - 13:32
A Xunta remata o proxecto para a reubicación da parada de autobús na travesía de Laño da estrada PO-308, no concello de Poio

Poio, 4 de xuño de 2022 A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, vén de rematar a redacción do proxecto para a reubicación da parada de autobús na travesía de Laño, na estrada autonómica PO-308, no Concello de Poio.

Este documento detalla a execución das obras necesarias, cun orzamento de 32.413 euros e un prazo de execución de dous meses.

O proxecto, realizado ante a necesidade detectada pola Axencia Galega de Infraestruturas de reforzar a seguridade nesta contorna co traslado da marquesiña, prevé unha actuación integral nun treito de 120 metros entre os puntos quilométricos 9+340 e 9+460 desta vía autonómica. As obras comezarán en vindeiras semanas.

O proxecto prevé o traslado da actual parada de autobús, que se desprazará uns 120 metros ata ubicarse na zona onde se sitúa unha cuña de deceleración na estrada. Tamén se acondicionará a marxe dereita para reforzar a seguridade dos desprazamentos dos veciños.

Así, darase continuidade ao itinerario peonil cunha plataforma en formigón coreado cunha anchura mínima de 1,8 metros e unha altura de 10 centímetros sobre a calzada. Ademais, no bordo instalarase unha franxa de baldosas de botóns con contraste cromática para que se visualice con claridade a diferenza entre a estrada e a zona peonil.

A actuación completarase coa instalación dun novo paso de peóns á altura da nova marquesiña, o pintado de novas marcas viarias, a canalización da rede de telecomunicacións e a dotación dun sistema de drenaxe subterráneo.

Esta actuación, enmarcada na mellora integral da seguridade viaria na estrada PO-308 ao seu paso polo Concello de Poio que está a desenvolver a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, non precisa de expropiacións de terreos para a súa execución. Ante posibles interrupcións da circulación durante a realización das obras, tense deseñado un plan de tráfico alternativo.