Inicio / Noticias / A Xunta remata as obras da senda peonil de Pontevea, no concello de Teo, cunha inversión de 246.000 euros
18/06/2018 - 03:35
A Xunta remata as obras da senda peonil de Pontevea, no concello de Teo, cunha inversión de 246.000 euros

Teo (A Coruña), 18 de xuño de 2018.- O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou, está mañá, a senda peonil e ciclista na AC-841 entre o Centro de Saúde de Pontevea (Reis) e Pontevea norte, na vía que comunica Santiago co concello pontevedrés da Estrada. A Xunta rematou esta infraestrutura na que investiu 246.000 euros

O proxecto, cofinanciado pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) nun 80%, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, consistiu nunha senda, na marxe esquerda da devandita estrada, de preto dun quilómetro, que une a zona de Pontevea norte co consultorio local, un punto no que entroncará co itinerario peonil que vai ata o Centro de Saúde e a Escola Infantil, que foi executado pola Xunta a finais de 2013. Ademais, na marxe dereita está prevista a execución doutros 300 metros de senda. Deste xeito, creouse un camiño continuo en todo o treito obxecto da actuación que virán completar as beirarrúas existentes.

Trátase, segundo sinalou o delegado territorial, de “reforzar a seguridade de peóns e ciclistas e que a senda sexa máis visible para os vehículos que circulan pola vía”. Para elo executouse en formigón coloreado, separada da estrada por un bordo de formigón e elevada con respecto á calzada.

O proxecto incluíu unha serie de obras complementarias necesarias para garantir a funcionalidade da senda como a execución da rede de drenaxe de augas pluviais baixo a senda, así como dun prisma de telecomunicación, a reposición da sinalización horizontal no treito de actuación, a disposición de elementos de sinalización vertical, a reposición e ordenación de servizos afectados e a execución de dúas estruturas de contención de terras para soster a senda.

Para o delegado territorial “este tipo de actuacións inciden directamente na calidade de vida dos veciños porque apostan pola seguridade e pola integración na paisaxe dos itinerarios peonís e ciclistas e dan a posibilidade de optar por unha mobilidade máis saudable”.

Esforzo en Infraestruturas

O itinerario peonil de Teo está incluído no Plan de Sendas de Galicia, que prevé a construción dunha rede de sendas seguras, sostibles e integradas na paisaxe. Na comarca de Santiago prevé, nunha primeira fase, máis de 15 quilómetros de sendas e un investimento de case 3,7 millóns de euros. “A Xunta xa está a transformar en feitos este Plan, porque todas as sendas están en distintas fases da tramitación”, indicou o delegado.

Para a execución destas sendas, a Xunta de Galicia conta con cofinanciamento de fondos europeos do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.