Inicio / Noticias / A Xunta remata as obras da senda peonil e ciclista que une a travesía de praia América co paseo ata Baiona en Nigrán
22/11/2017 - 03:43
A Xunta remata as obras da senda peonil e ciclista que une a travesía de praia América co paseo ata Baiona en Nigrán

Nigrán (Pontevedra), 22 de novembro de 2017.- A Xunta de Galicia vén de rematar as obras de execución da senda peonil e ciclista en Nigrán, entre a travesía de Praia América e o paseo ata Baiona (PO-325). A actuación, que supuxo un investimento autonómico de preto de 300.000 euros cofinanciada con Fondos Feder do programa operativo 14/20, comezou a finais do verán.

Con tal motivo, o delegado territorial, Ignacio López-Chaves, desprazouse hoxe ata a zona para comprobar de primeira man o estado final das obras. Na visita estivo acompañado polo alcalde nigranés, Juan González, e o xefe territorial da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, José Luis Díez.

Este novo tramo de senda dálle continuidade á xa executada no ano 2013 e implicou unha reordenación do tráfico, mellorando ademais o firme da estrada autonómica nesta zona. Concretamente, a senda de algo máis de 300 metros iníciase na intersección coa avenida Praia América e coa rúa Francisca Lago (punto quilométrico 14+700 da PO-325) e finaliza na intersección coa rúa Foz, lugar no que comeza o paseo ata Baiona.

A senda, de uso mixto, para peóns e ciclistas, ten un ancho de 2,5 metros e está separada da estrada por unha banda vexetal e a beiravía. Tamén mellorouse o firme, renovouse a beirarrúa da marxe esquerda e instalouse unha rede de drenaxe para a canalización das augas pluviais.

Ademais, aproveitáronse estes traballos para realizar outras actuacións complementarias na rede de drenaxe para as augas pluviais; substituír o alumeado, no lado esquerdo; e realizar a canalización para a instalación de futuros servizos.

Plan de Sendas

Estas actuacións están enmarcadas no Plan de Sendas na comarca de Vigo, no que a Xunta está a facer un investimento de 4,3 millóns de euros para a construción de case 13 quilómetros de itinerarios seguros e sustentables. Búscase que os veciños de Vigo e do seu contorno poidan desfrutar de vías integradas na paisaxe para realizar os seus itinerarios habituais.  

As sendas supoñen beneficios para as persoas, ao velar pola súa seguridade e tratar de fomentar hábitos máis saudables; para as vilas, significando menor conxestión de vehículos en tramos saturados e novos espazos de tránsito; e para o medio natural, garantindo menos contaminación acústica e mellora da calidade do aire, ao reducir a emisión de gas.