Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2021.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de rematar as obras de acondicionamento dos camiños de servizo da estrada autonómica OU-312 ao seu paso polo concello de Lobios.
A intervención, cun investimento de máis de 48.000 euros, consistiu na mellora dos camiños de servizo na marxe esquerda de dous tramos desta vía, á saída de Lobios, no punto quilométrico 2+120, e no tramo próximo ao núcleo de Vilameá, entre o punto 5+610 e o 6+170.
No punto quilométrico 2+120 actuouse nun pequeno treito antigo da estrada, que actualmente se atopa parcialmente en desuso, cun dos accesos impedido. O outro extremo si ten acceso á estrada e dá servizo a un grupo de casas próximas.
O tramo da vía do punto quilométrico 5+610 ao 6+170 é un camiño servizo paralelo á estrada que dá acceso a varias vivendas e vías secundarias. Neste camiño as tarefas previstas consistiron na limpeza e na regularización da calzada, así como na extensión dun dobre tratamento superficial en todo o tramo.
Ademais, o contrato incluíu a execución dun murete de perpiaño para protexer un desnivel existente entre o camiño e a estrada, entre os puntos quilométricos 5+935 e 6+050. Esta actuación completouse coa execución ao pé do murete dunha cuneta revestida.
A Xunta continúa traballando na mellora e conservación da rede viaria autonómica co fin de proporcionarlles aos cidadáns unhas estradas máis cómodas, seguras e eficientes.