Inicio / Noticias / A Xunta remata as obras de conservación da pasarela peonil sobre a estrada PO-324 en Coruxo, en Vigo
25/03/2023 - 11:26
A Xunta remata as obras de conservación da pasarela peonil sobre a estrada PO-324 en Coruxo, en Vigo

Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2023 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade rematou as obras de conservación da pasarela peonil sobre a estrada autonómica PO-324, en Coruxo, no concello de Vigo.

As intervencións, cun investimento de preto de 50.000 euros, centráronse nas tarefas de mantemento da pasarela situada no punto quilométrico 0+700 desta vía autonómica, para reforzar e mellorar a súa estrutura de formigón.

Os traballos comezaron pola retirada da vexetación que cubría a parte da estrutura da pasarela e a limpeza con auga a presión da estrutura.
 
Unha vez acometidas estas tarefas iniciais, procedeuse ao chorreado do formigón, selaxe e a inxección superficial das fisuras e gretas, así como á reparación con morteiro tixotrópico.
 
Nesta intervención acometeuse tamén a limpeza das armaduras e procedeuse á protección anticorrosión. Deste xeito, aplicouse sobre toda a superficie de formigón unha pintura de protección dos paramentos fronte á acción da carbonatación, os cloruros e a humidade.
 
Ademais, como parte destes traballos, aplicouse un tratamento con alta resistencia á corrosión sobre a varanda metálica que protexe lateralmente a pasarela.
 
A Xunta segue traballando a prol da conservación e mellora da rede viaria autonómica, á que vén destinando máis de 50 millóns de euros cada ano, reforzando os programas de inspección e control, tanto das pontes e obras de paso, como de muros e noiros, ademais de medidas como o Plan de reforzo de firmes, para garantir as boas condicións nas vías de titularidade autonómica.