Inicio / Noticias / A Xunta remite asinado ao Concello da Coruña o acordo de bases de deseño da terminal de autobuses co fin de avanzar na estación intermodal
02/11/2017 - 08:37

Santiago, 2 novembro de 2017.- A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, enviou hoxe asinado ao Concello da Coruña o acordo das bases do deseño da futura terminal de autobuses integrada na estación Intermodal co fin de iniciar o proxecto á maior brevidade.

Ethel Vázquez subliñou a importancia deste documento de cara a elaborar un novo proxecto básico que inclúa as últimas esixencias do Concello. Por iso, asinou o documento de bases no mesmo día no que houbo constancia do acordo polas tres partes: despois de que o pasado martes o alcalde remitise un escrito á conselleira dando o visto e prace municipal ás últimas puntualizacións feitas pola Xunta de Galicia; e de que hoxe o Concello enviase un novo correo electrónico aceptando os cambios introducidos polo Adif.

Ante a urxencia do proxecto, a conselleira remitiu esta mesma tarde o documento asinado. Deste xeito, sálvanse as dificultades de atopar unha data inmediata para realizar unha sinatura conxunta entre as tres administracións implicadas. Cómpre recordar que este documento resulta necesario para que a Xunta de Galicia avance nun novo proxecto da terminal de autobuses, cuestión necesaria polos diversos cambios de criterio do Concello da Coruña nos últimos meses.

Estes cambios obrigan a redefinir gran parte do traballo feito pola Xunta ata o de agora no deseño da terminal de autobuses. Por este motivo, na última reunión celebrada a tres bandas sobre a intermodal, a Xunta de Galicia presentou unha proposta de acordo de bases no que quedasen definidos os criterios básicos de deseño da terminal de autobuses que permitirán que o novo proxecto non sufra novas variacións.

Complementariamente, cabe lembrar que a Xunta, o Concello e Adif acordaron promover a sinatura dun convenio específico que reflicta o reparto de responsabilidades de cada Administración no desenvolvemento da estación intermodal da Coruña.

A Xunta de Galicia reitera a súa vontade de executar a terminal de autobuses de xeito consensuado coa Administración local pola importancia estratéxica deste proxecto para a cidade da Coruña.