Inicio / Noticias / A Xunta renova o firme da estrada PO-303 entre Poio e Meaño no marco das obras en seis vías autonómicas da provincia nas que inviste case 800.000 €
11/10/2021 - 06:04
A Xunta renova o firme da estrada PO-303 entre Poio e Meaño no marco das obras en seis vías autonómicas da provincia nas que inviste case 800.000 €

Poio, 11 de outubro de 2021.- A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, está a renovar o firme da estrada autonómica PO-303, entre os concellos de Poio e de Meaño, unha actuación que se enmarca nun proxecto de mellora de seis estradas autonómicas da provincia de Pontevedra que supón un investimento autonómico de case 800.000 euros.

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luis López, desprazouse esta mañá ata a contorna da igrexa de Samieira, no Concello de Poio, para supervisar os traballos acompañado por diversos representantes municipais.

A mellora na estrada PO-303, pertencente a un contrato que comezou a executarse a finais de agosto na PO-221 en Moraña e Campo Lameiro, engloba un treito de máis de 12 quilómetros de lonxitude entre os puntos quilométricos 0+000 e 12+240, o que supón a totalidade da vía. A intervención consiste no fresado das zonas deterioradas e a posterior reposición da pavimentación con mistura bituminosa en quente. Finalmente, procederase á dotación de novas marcas viarias horizontais no eixo e nos bordos da calzada.

En conxunto, as intervencións que se realizarán nos concellos de Poio e de Meaño beneficiarán directamente aos seus 22.000 veciños e supoñen un investimento de máis de 125.000 euros. Isto supón un dos principais investimentos do presente contrato, que tamén inclúe a mellora do firme en estradas ao seu paso polos municipios de Pontecesures, A Estrada, Cerdedo-Cotobade, Sanxenxo, Cambados e Pontevedra.

“A Xunta de Galicia está a investir novamente nas estradas da súa titularidade na provincia de Pontevedra para manter as súas calzadas nas mellores condicións e favorecer a seguridade viaria, a condución e a mobilidade co obxectivo de que a rede estea lista para a chegada do próximo inverno”, detallou o representante autonómico, que concretou que o prazo de execución global é de catro meses para que todas estas obras estean rematadas antes de final de ano.

Esta actuación enmárcase no proxecto de conservación do firme, corrección do deterioro da calzada e reforzo da seguridade viaria nas estradas PO-214, PO-221, PO-222, PO-223, PO-233 e a citada PO-303, cun investimento global de case 800.000 euros, que beneficiará aos 175.000 veciños dos dez concellos pontevedreses beneficiarios destas actuacións. En total, a mellora superará os cincuenta quilómetros entre estas seis vías.