Inicio / Noticias / A Xunta retoma a construción da glorieta da senda entre Gondomar e a Ramallosa da estrada PO-340, na que a Xunta inviste 2,3 millóns de euros
22/10/2019 - 05:29

Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2019.- A Xunta retomou hoxe os traballos de construción dunha glorieta na estrada PO-340, na intersección coa vía provincial que vai a Donas, en Nigrán, para aumentar a seguridade e facilitar a mobilidade dos veciños desta contorna. Esta rotonda está enmarcada no proxecto da senda peonil e ciclista entre Gondomar e A Ramallosa, unha obra na que a Xunta inviste 2,3 millóns de euros para mellorar a seguridade viaria da estrada PO-340 e que xa está rematada, a falta da retirada de postes de electricidade como que impedían a execución desta glorieta.

A glorieta realizarase no punto quilométrico 20+340 da estrada autonómica e complementará o itinerario executado, pois contribuirá ao calmado do tráfico, reforzará a seguridade dos peóns e ciclistas e facilitará os xiros á esquerda na estrada neste punto. Para executar esta infraestrutura era necesario retirar uns postes da rede eléctrica, polo que vez resolto este problema, comeza a execución da glorieta, as isletas para encauzar de modo axeitado aos vehículos e a colocación de sinalización horizontal e vertical.

Orzamentos

A Xunta continúa traballando para mellorar a calidade de vida dos veciños da comarca de Val Miñor, tal e como amosa o Proxecto de orzamentos do Goberno galego para 2020, que recollen unhas partidas de case 1,5 millóns de euros para manter o funcionamento das depuradoras de Nigrán e Gondomar e garantir así os servizos de saneamento, cuxa competencia é municipal.

Os presupostos para o vindeiro ano tamén inclúen un orzamento de 380.000 euros para financiar as bonificacións nas peaxes na autoestrada AG-57, que proximamente se entenderán ás familias numerosas.

O Goberno galego mobilizou xa 3,2 millóns de euros en sendas peonís no Val Miñor e destinará un total de 1,6 millóns de euros a eliminar os treitos de concentración de accidentes.