Inicio / Noticias / A Xunta saca a licitación por máis de 550.000 euros o reforzo do firme no treito Cea-A Barrela, da estrada LU-901, no municipio lugués de Carballedo
20/11/2017 - 05:01
A Xunta saca a licitación por máis de 550.000 euros o reforzo do firme no treito Cea-A Barrela, da estrada LU-901, no municipio lugués de Carballedo

Xove (Lugo), 20 de novembro de 2017.- O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a licitación das obras de reforzo do firme na estrada autonómica LU-901, no treito entre A Barrela e Cea (límite provincial), que transcorre polo concello lugués de Carballedo. A Consellería de Infraestruturas e Vivenda destina para este fin un investimento de 555.827 euros

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Jose Manuel Balseiro, acompañado polo alcalde de Carballedo, Julio Yebra-Pimentel, presentaron as actuacións a executar que consisten, principalmente, na mellora do firme existente e a conseguinte reposición das marcas viarias, e con carácter complementario, procederase á execución de cunetas de formigón e a substitución das drenaxes transversais.

A licitación prevé un prazo de execución de catro meses para estas obras que inclúen fresados localizados en todo o ancho do carril ou en parte do mesmo naqueles puntos nos que se observa a existencia de deterioro. Ademais, realizarase un reforzo de firme en todo o ancho da calzada (carrís e beiravía) e en todo o tramo de actuación, isto é, entre os p.q 9+790 (límite provincial) ao 10+950 (inicio travesía de A Tolda) e desde el p.q. 11+360 (final travesía de A Tolda) ao 16+500.

As obras serán compatibles co mantemento da circulación do tráfico durante a execución dos traballos contemplados sen menoscabo da seguridade dos usuarios da mesma.

O Goberno galego continúa a traballar no obxectivo prioritario de conservar a rede viaria autonómica en óptimas condicións coa fin de incrementar a seguridade viaria e proporcionar aos usuarios unhas vías cómodas que melloren a súa calidade de vida, potenciando o desenvolvemento económico e social dos municipios galegos.