Inicio / Noticias / A Xunta simultanea as obras na estrada LU-613 co inicio dos traballos de pavimentado no treito Páramo-Portomarín para axilizar a apertura ao tráfico desta vía
27/07/2018 - 06:00
A Xunta simultanea as obras na estrada LU-613 co inicio dos traballos de pavimentado no treito Páramo-Portomarín para axilizar a apertura ao tráfico desta vía

Páramo (Lugo), 27 de xullo de 2018.- O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, visitou esta mañá acompañado do alcalde do Páramo, Gumersindo Rodríguez, e de técnicos da Axencia Galega de Infraestruturas, as obras que se están levando a cabo na estrada autonómica LU-613 ao seu paso por esta localidade.

Alí avanzou que a Consellería de Infraestruturas e Vivenda xa iniciou os traballos de pavimentado nesta vía que se corresponden coa obra ordinaria que a administración autonómica tiña previsto executar para a mellora localizada do firme ao longo de case seis quilómetros que unen as localidades de Cendoi (no Páramo) e Portomarín.

Este pavimentado desenvólvese de xeito simultáneo no tempo coa obra de emerxencia que tamén se executa nesta estrada e que veu motivada polo derrubamento dun muro en Pedrouzos que obrigou ao corte da vía, e a acometer unha reparación de emerxencia, coa construción dun muro de contención.

Balseiro avanzou que o obxectivo do departamento de Infraestruturas da Xunta é acometer estes traballos de xeito complementario ao longo das próximas semanas para así axilizar a obra de tal xeito que a estrada poida ser reaberta ao tráfico a mediados do mes de agosto, se non se producen novas incidencias.

A Xunta explicou que o investimento total na mellora desta estrada supera o medio millón de euros, xa que logo aos 172.000 euros nos que está estimada a obra de emerxencia hai que engadir unha achega adicional de preto de 400.000 euros que se reservan para executar a obra ordinaria de reforzo localizado do firme.

Balseiro lembrou que as obras de pavimentado desenvolveranse naqueles puntos que presentan maior deterioro ao longo do treito de case seis quilómetros nos termos municipais do Páramo e Portomarín

Os novos traballos van dirixidos a reparar o pavimento deformado, tanto lonxitudinal como transversalmente, regularizando o firme a base de mestura bituminosa en quente e aplicando posteriormente unha capa de rodaxe de aglomerado de cinco centímetros de espesor en toda a calzada.

Así mesmo, procederase á limpeza e reperfilado das cunetas, que mesmo nalgúns puntos serán reconstruídas con formigón para evitar posibles danos por auga embalsada.