Inicio / Noticias / A Xunta solicitará aclaracións ao Ministerio de Fomento sobre o plan de investimentos no Corredor Atlántico, no que detecta "lagoas" e a inclusión de obras xa executadas
20/02/2019 - 06:16

Madrid, 20 de febreiro de 2019.- A Xunta de Galicia solicitará aclaracións ao Ministerio de Fomento sobre o plan de investimentos no Corredor Atlántico de Mercadorías, no que se detectan “lagoas” e a inclusión de obras que xa están executadas.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, asistiu hoxe ao acto de presentación do Corredor Atlántico na sede do Ministerio de Fomento en Madrid, onde afirmou que agarda que o Ministerio de Fomento remita este documento completo para poder realizar as achegas precisas, xa que nin foi consensuado nin coñecido ata o día de hoxe.

Ethel Vázquez avanzou que o Goberno galego demandará á Administración central do Estado diálogo coas comunidades autónomas implicadas en relación coas actuacións necesarias para reforzar a competitividade do ferrocarril de mercadorías do Noroeste peninsular.

A conselleira lembrou que os Gobernos autonómicos de Galicia, Asturias e Castela e León lle trasladaron ao Ministerio un estudo conxunto de deficiencias e necesidades da rede ferroviaria para que o tivera en conta na súa planificación. Este documento detalla as actuacións necesarias para a mellora da rede ferroviaria de mercadorías co fin de acadar un verdadeiro Corredor Atlántico do Noroeste que forme parte dos corredores europeos dun xeito competitivo.

Destacou que as comunidades abordaron recentemente en Santiago, con máis de 200 representantes sindicais, empresariais e institucionais, a necesidade de programar actuacións de mellora na rede ferroviaria, aproveitándose dos novos fondos europeos aos que España tería acceso.

Entre as necesidades de actuación identificadas polos tres gobernos e que se consideran imprescindibles están a execución do baipás de Monforte ou a solución da forte pendente que ralentiza os trens no porto do Manzanal, a través do cal se conectan Galicia e Castela e León. Sen embargo, esas actuacións non semellan recollidas na planificación presentada hoxe.

Hai que ter en conta, tamén, que a estratexia de actuación deseñada polas tres comunidades limítase a sinalar actuacións necesarias que se deben executar na liña de mercadorías, mentres que na presentación de hoxe se incluíron obras xa realizadas e outras complementarias.

A conselleira sinalou a necesidade de consensuar as actuacións para solicitar o financiamento europeo que pode garantir que a rede ferroviaria do Noroeste sexa realmente moderna, fiable e competitiva.

Nese sentido, lembrou que o Goberno de España presidido por Mariano Rajoy aceptou a solicitude de Galicia, Asturias e Castela e León de incorporar o Noroeste peninsular ao Corredor Atlántico e a trasladou á Unión Europea, que a aceptou.