Inicio / Noticias / A Xunta somete a consulta ambiental o proxecto de trazado da primeira fase da variante de Carballo, que suporá un investimento autonómico de máis de 18,7 M€
28/06/2022 - 05:36

Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2022 A Xunta somete a consulta ambiental o proxecto de trazado da primeira fase da Variante de Carballo, ao procedemento de avaliación ambiental simplificada.

 

A actuación suporá un investimento de máis de 18,7 M€, nos que se inclúen os máis de 1,2 M€ previstos para as expropiacións dos terreos necesarios para a creación dunha variante pola zona leste do municipio.

 

Trátase de conectar o polígono de Bértoa, a AC-552 e a AG-55, situadas ao norte de Carballo, coas estradas DP-1914 (Carballo–Portomouro) e AC-413 (Carballo–Ordes), situadas ao sueste do núcleo urbano de Carballo.

 

Esta nova estrada permitirá que os tráficos de longo percorrido que discorren actualmente a través da trama urbana de Carballo e da AC-552 poidan canalizarse por unha nova vía perimetral, evitando as molestias xeradas nas travesías que atravesan o núcleo da poboación.

 

Características da actuación

En canto ás características da actuación proxectada pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a nova estrada estrutúrase en dous treitos, con orixe e final en interseccións a nivel previstas en forma de glorieta: un treito de 2.850 metros de lonxitude (AC-413–AC-552) e outro de 800 metros de lonxitude (DP-1914–AC-413). Estas glorietas permitirán o acceso ás vías radiais interiores que conectan co núcleo urbano.

 

Para o deseño desta intervención, tívose en conta tamén a intensidade media diaria do tráfico no ano horizonte 2045, que se estima oscilará entre os 8.747 e os 11.360 vehículos día, dependendo do treito, e considerouse unha velocidade de proxecto de 80 km/h.

 

A nova variante terá unha única calzada cun carril por sentido e os cruzamentos con calquera outra vía de comunicación ou servidume de paso poderanse efectuar a nivel. Para garantir maior seguridade viaria na contorna, as propiedades colindantes non terán comunicación directa á variante, pero o acceso ás fincas quedará garantido mediante camiños de servizo.

 

A actuación prevé a execución de distintas estruturas, entre as que se inclúen un viaduto de 340 metros de lonxitude sobre o río Anllóns, 2 pasos superiores sobre a variante e un paso inferior baixo a mesma. Tamén se executará un muro de contención de coieira e un marco para o rego Añón.

 

O período de presentación de informes por parte das administracións consultadas estenderase durante un período de 20 días. O documento está dispoñible na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda: https://cutt.ly/LKGaToe .

 

A execución desta primeira fase permitirá, nun futuro, poder prolongar a nova vía cara ao sur, ata alcanzar de novo a AC-552, á altura do enlace de Carballo Oeste da AG-55, pechando por completo unha Variante do núcleo urbano polo sur e polo leste.