Inicio / Noticias / A Xunta somete a información pública o Plan de acción contra a contaminación acústica nas estradas autonómicas a través dun investimento de 3,3 millóns de euros
09/07/2018 - 05:46

Santiago de Compostela, 9 de xullo de 2018.- A Consellería de Infraestruturas e Vivenda publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) o inicio do proceso de información pública do Plan de acción contra a contaminación acústica en distintas estradas autonómicas das catro provincias, que contan cun investimento de 3,3 millóns de euros.

O obxectivo é reducir a contaminación acústica que se concentra en contornos residenciais, docentes e sanitarios, priorizando os criterios de intensidade da exposición ao ruído e de extensión da afección que este produce a un número salientable de cidadáns.

As principais actuacións propostas polo plan van encamiñadas ao calmado do tráfico -con solucións coma a limitación da velocidade, a instalación de sinalización ou semáforos e a reordenación da sección da estrada-, prevíndose tamén solucións coma a renovación do firme ou a instalación de barreiras acústicas en puntos determinados. O orzamento estimado do conxunto destas obras ascende a 3,3 millóns de euros.

En concreto, prevese actuar en 39 puntos de 24 estradas autonómicas, 24 situadas no provincia da Coruña, 5 na provincia de Lugo, 1 en Ourense e 9 na provincia de Pontevedra.

Desenvolvemento futuro das propostas do Plan de Acción contra o Ruído O Plan de acción contra o ruído recolle unha estratexia de actuación con obxectivos a curto e longo prazo para reducir a contaminación acústica.

A consellería de Infraestruturas e Vivenda prevé aprobar neste ano o Plan do Acción contra o ruído, para redactar en 2019 os proxectos resultantes do plan e iniciar en 2020 a execución das obras.

Sinalar que a Consellería de Infraestruturas e Vivenda puxo en marcha este Plan para adaptarse á directiva 2002/49/CE da Unión Europea sobre avaliación e xestión do ruído ambiental, así como á Lei 37/2003 de ruído, que traspón ao ordenamento xurídico español a dita directiva.

Tras ser sometido a avaliación ambiental estratéxica, iniciase neste momento a información pública do Plan, podendo os interesados presentar as súas suxestión a partir de mañá e durante un mes, tal e como se recolle no DOG.