Inicio / Noticias / A Xunta somete a información pública o proxecto de mellora de seguridade na estrada AC-552, ao seu paso polo Concello de Arteixo
03/07/2018 - 04:03

Santiago de Compostela, 3 de xullo de 2018.- A Consellería de Infraestruturas e Vivenda publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) o anuncio polo que se somete a información pública o proxecto de mellora da seguridade viaria na estrada AC-552, ao seu paso polo Concello de Arteixo.

O prazo para a presentación de alegacións e informes abranguerá dende mañá ata o vindeiro 17 de agosto. No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar a información: https://goo.gl/n2MWiq

Este proxecto está enmarcado na estratexia da Xunta para a eliminación de tramos de concentración de accidentes na rede viaria autonómica.

O tramo obxecto da actuación é o comprendido entre o punto quilométrico 2+100, despois da glorieta de enlace coa autoestrada AG-55, e o vial de acceso á presa de Meicende, no Concello de Arteixo.

Esta estrada ten un tráfico elevado e percorre unha zona industrial, con numerosas naves, unha estación de servizo e canteiras. Para mellorar a seguridade do tramo prevese a execución de dúas glorietas nos puntos quilométricos 2+500 e 2+890, nas que se realizarán os xiros. A segunda glorieta servirá ademais para calmar o tráfico en sentido A Coruña, tras o tramo de forte pendente descendente anterior.

O proxecto tamén contempla a execución dunha vía de servizo na marxe dereita, sentido Fisterra, para evitar as incorporacións directas á estrada desde as naves e a estación de servizo.

Ademais completarase e mellorarase a saída da vía de servizo actualmente existente na marxe esquerda, sentido A Coruña, no acceso á glorieta de intersección coa AG-55.