Inicio / Noticias / A Xunta somete a información publica dúas sendas na OU-101, ao seu paso polos concellos de San Cibrao das Viñas, Pereiro de Aguiar e Paderne de Allariz, cun investimento duns 800.000 euros
30/07/2020 - 12:53

Santiago de Compostela, 30 de xullo de 2020.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia o procedemento polo que se somete a información pública a execución de dúas sendas peonís na estrada autonómica OU-101, ao seu paso polos concellos de San Cibrao das Viñas, Pereiro de Aguiar e Paderne de Allariz.

A Xunta abre desde mañá e ata o día 10 de setembro o prazo para que os interesados presenten as súas achegas. No seguinte enlace pode consultarse a información: https://xurl.es/nrkep

Esta actuación suporá un investimento estimado de algo más de 800.000 euros, dos que preto de 63.000 se destinarán ao pagamento das expropiacións das 81 fincas necesarias para executar dous itinerarios na vía autonómica, no núcleo da Medorra e na contorna de Paiseo. O obxectivo da intervención e actuar nas zonas que carecen na actualizade dun espazo seguro para o tránsito de peóns, polo que a execución deste proxecto ofrecerá unha mellora importante da seguridade viaria aos veciños destes municipios.

Segundo o proxecto redactado polo departamento de Infraestruturas da Xunta, o primeiro dos tramos comeza no punto quilométrico 7+750, ao pasar o cruzamento co rego de Pazos, para discorrer o seu trazado por toda a marxe esquerda da OU‐101, ata chegar ao punto 9+420, xa no núcleo das Campinas. Deste xeito, facilítase o tránsito peonil aos veciños dos núcleos rurais desta zona, que carecen na actualidade de beirarrúas.

Doutra banda, o segundo dos tramos proxectados iníciase no cruzamento de acceso ao núcleo de Cascarreira, no punto quilométrico 13+780. Este treito discorrerá por toda a marxe esquerda ata alcanzar o cruzamento de acceso ao núcleo de Paiseo, no punto 14+230. Esta zona conta tamén con edificacións dispersas entre os núcleos de poboación.

O proxecto

Os itinerarios acadarán unha lonxitude total superior aos 2,1 km e un ancho mínimo de 1,80 metros e irán separados do tronco da estrada. En función das necesidades, os elementos de separación poderán ser mediante cuneta revestida e con perfil de seguridade, unha parte de vexetación máis bordo de ancho de 50 metros, ou bordo de sinalización.

No proxecto inclúese a execución en tres puntos dun muro de sostemento do terreo, ata sumar unha lonxitude total duns 80 metros e con alturas entre 1,50 e 2,70 metros. Ademais, contémplase a disposición de máis de 500 metros de varanda de protección polo desnivel da senda con respecto ao terreo, así como tres novos refuxios nas paradas de autobús situadas no treito de actuación.

Esta nova senda enmárcase no Plan de Sendas de Galicia na comarca de Ourense, e conta coa cofinanciación dos fondos europeos FEDER.