Inicio / Noticias / A Xunta somete a información publica o anteproxecto de instalación dunha área de servizo na autovía AG-53, no tramo entre o Alto de Santo Domingo e a Autovía das Rías Baixas
12/02/2020 - 12:12
A Xunta somete a información publica o anteproxecto de instalación dunha área de servizo na autovía AG-53, no tramo entre o Alto de Santo Domingo e a Autovía das Rías Baixas

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2020.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia o anuncio polo que se somete a información pública o anteproxecto de instalación dunha área de subministración e servizos na autovía AG-53, no tramo entre o Alto de Santo Domingo e a Autovía das Rías Baixas (A-52).

Segundo o anteproxecto, a zona destinada á área de servizo sitúase na marxe esquerda da autovía Dozón-Ourense, entre os puntos quilométricos 80+250 e 80+750. E no seu deseño como área de servizo prevé o acceso dende ambas as dúas marxes, polo que prestará servizo a ambos os dous sentidos de circulación.

Coa publicación hoxe no DOG ábrese o prazo de presentación de alegacións, dende mañá e ata o vindeiro día 27 de marzo. No seguinte enlace pode consultarse toda a información: http://bit.ly/31JOePU .

Na actualidade están executados os carrís de aceleración e desaceleración da autoestrada, parte dos accesos, así como unha glorieta na marxe dereita, e o paso superior que permite conectar a área coa marxe dereita. Ademais a superficie destinada á área de servizo se encontra sen arboredo nin vexetación na súa maior parte, e conta con zonas nas que se levou a cabo certo grao de explanación.

O anteproxecto que se somete a información pública hoxe define unha área de servizo constituída por unha edificación que contará no exterior con tres dispensadores de combustible, tres puntos de recarga de vehículos eléctricos de tipo carga rápida e un equipo de subministración de auga e aire para vehículos.

O edificio que se proxecta atenderá os servizos de abastecemento de combustible, restauración e tenda, incluíndo aseos, vestiarios para o persoal, almacén e oficina.

Nesta área se prevé a dotación de 30 prazas de aparcadoiro, 15 resérvanse para o aparcadoiro de vehículos lixeiros, 3 para o aparcadoiro e repostaxe de vehículos eléctricos, 1 praza para o aparcadoiro de persoas de mobilidade reducida, e 11 para camións e autobuses. Tamén disporá dunha zona de xogo e esparexemento, composta por un parque infantil, anexa ao edificio.

As actuacións completaranse co alumeado de vías, zonas de tráfico e áreas de estacionamento da área de servizo.

O investimento previsto para esta actuación supera os 2,9 millóns de euros e o prazo de execución das obras é de 12 meses.