Inicio / Noticias / A Xunta traslada ao Concello da Coruña e a Adif as súas propostas para o convenio sobre a estación intermodal co obxectivo de pechar definitivamente o acordo canto antes
21/11/2019 - 07:11

Santiago de Compostela, 21 de novembro de 2019.- A Xunta de Galicia trasladou hoxe ao Concello da Coruña e a Adif a súa proposta de convenio para o impulso conxunto da estación intermodal da cidade herculina, co obxectivo de poder pechar o acordo canto antes.

A Administración autonómica considera prioritario e fundamental plasmar nun documento conxunto os compromisos e responsabilidades de cada administración en relación coa infraestrutura, pois esta fórmula fixo posible iniciar a construción das estacións intermodais de Santiago, Ourense e Vigo.

No convenio a Xunta asume a responsabilidade de deseñar, contratar e financiar a construción dunha nova estación de autobuses. Ademais, a Xunta construirá un aparcadoiro subterráneo que prestará servizo tanto á estación ferroviaria como á contorna urbano.

Entre os aspectos máis destacados do texto de convenio remitido hoxe pola Dirección Xeral de Mobilidade da Xunta está a aposta por deixar á marxe do acordo as referencias aos terreos da actual estación, tendo en conta que a Xunta considera que estes son patrimonio autonómico, e que se considera pouco recomendable condicionar a hipotéticos aproveitamentos urbanísticos o desenvolvemento da estación intermodal.

Xunto con isto, a proposta do Goberno galego inclúe axustes na redacción do compromiso de conservación da estación de autobuses e reordenación das liñas de transporte público. Sobre este último aspecto, a Xunta declina a reubicación da actual parada de Entrexardíns, proposta polo Concello, xa que os niveis de tránsito que acada acreditan unha importante satisfacción cidadá.

O Goberno galego está a ultimar o proxecto básico da nova terminal ferroviaria, que precisará dun procedemento de adecuación urbanística, para adaptarse ao actual planeamento municipal.