Inicio / Noticias / A Xunta ultima as obras de repintado na estrada LU-530 ao seu paso polos municipios de Castroverde, Baleira e A Fonsagrada
18/06/2019 - 05:36
A Xunta ultima as obras de repintado na estrada LU-530 ao seu paso polos municipios de Castroverde, Baleira e A Fonsagrada

Baleira (Lugo), 18 de xuño de 2019.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade ultima as obras de repintado da sinalización viaria horizontal na estrada LU-530 ao seu paso polos termos municipais de Castroverde, Baleira e da Fonsagrada. Esta actuación completa outra similar realizada o ano pasado no treito desta mesma vía que transcorre entre o enlace coa autovía A-6 e a localidade de Castroverde.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que ao remate dos traballos que están a executarse, a administración autonómica terá renovada a sinalización horizontal e marcas viarias nun total de 55 quilómetros, o que supón un investimento de 177.000 euros, con cargo ao contrato ordinario de mantemento e conservación.

“O obxectivo é mellorar a seguridade viaria e as condicións de visibilidade da estrada para garantir unha circulación segura, cómoda e fluída”, explicou o delegado.

Polo que respecta ás obras en marcha están practicamente finalizadas, malia que poden verse condicionadas polas circunstancias climatolóxicas, xa que os traballos deben efectuarse en ausencia de precipitacións.

O repintado desenvolveuse pola totalidade dos treitos non urbanos nestes tres concellos lucenses, incluídas as travesías do Cádavo (Baleira) e da Fonsagrada. En Castroverde a renovación sinalización horizontal levouse a cabo só nos pasos de peóns xa o Goberno galego ten previsto executar durante o verán obras de mellora do firme no treito urbano desta localidade, que incluirán un novo pavimento e, unha vez finalizadas, a reposición na totalidade do treito das marcas viarias.