Inicio / Noticias / A Xunta ultima a senda peonil na estrada PO-548 en Cordeiro, no concello de Valga, cun investimento de 737.000 €
26/01/2023 - 13:23
A Xunta ultima a senda peonil na estrada PO-548 en Cordeiro, no concello de Valga, cun investimento de 737.000 €

Valga, 26 de xaneiro de 2023.- A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, vén de rematar o groso das obras de construción dunha senda peonil na estrada autonómica PO-548 ao seu paso pola parroquia de Cordeiro, no Concello de Valga, cun investimento de 737.000 euros. A actuación só está pendente, para o seu remate, da colocación de dúas pasarelas que favorezan o tránsito peonil seguro ao longo de todo o percorrido.

 

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, supervisou hoxe esta actuación, enmarcada nas accións da Xunta para o fomento da mobilidade sostible e a mellora da seguridade viaria, xunto ao alcalde de Valga, José María Bello, outros representantes municipais e técnicos da Axencia Galega de Infraestruturas.

 

O representante autonómico concretou que resta só a instalación destes dous puntos de paso, previstos como unha estrutura metálica de 21 metros de lonxitude e 3 metros de anchura para salvar o río Louro e outra de formigón con 12 metros nunha zona anexa.

 

A obra executouse entre os puntos quilométricos 2+970 e 3+200 desta estrada PO-548, que une Pontecesures e Catoira, ao seu paso por Valga. Así mesmo, esta actuación de construción dunha senda de 230 metros complementouse coa continuidade dun viario municipal anexo.

 

Trátase dunha obra fundamental para mellorar as condicións de seguridade dos centos de persoas que se desprazan a pé por esta vía, que ten moito tráfico de vehículos e peonil, posto que une a igrexa de Santa Columba, o colexio Xesús Ferro Couselo e o pavillón municipal, que ofrece moitos servizos e actividades”, detallou o representante autonómico.

A nova senda, que está financiada cos fondos REACT-UE, parte do itinerario existente na vía autonómica PO-548 e discorre pola marxe esquerda ata o cruce coa pista municipal á que se lle dou continuidade para mellorar os servizos de conexión.

 

Coas citadas pasarelas, tamén se ampliará o paso sobre o río Louro, aumentando a plataforma da calzada cun forxado de chapas metálicas sobre trabes e construíndo catro muros de contención para asentar e fixar o terreo cunhas condicións idóneas de seguridade.

 

A intervención complementarase coa reordenación do tráfico na intersección no punto quilométrico 3+910, onde se prevé executar unha pequena glorieta que permita o cambio de sentido, impida a realización de movementos que provocan situacións de risco e reforce a seguridade viaria.

Deste xeito, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade segue dando cumprimento ao seu compromiso de habilitar, nas estradas da súa titularidade, itinerarios peonís seguros, sustentables e integrados na paisaxe e ademais, recentemente, tamén no Concello de Valga, rematou unha completa mellora na estrada PO-190, na parroquia de Ferreirós, que incluíu a modernización e construción de beirarrúas ao longo dun treito de 1.300 metros.