A Xunta remata a nova senda peonil na estrada autonómica OU-150 nas Barxas, no concello de Coles

Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 2023 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade rematou a execución das obras da nova senda peonil na estrada autonómica OU-150 nas Barxas, no concello de Coles.

A actuación, que comezou o pasado mes de setembro e supuxo un investimento autonómico de máis de 48.000 euros, centrouse na habilitación dun itinerario peonil pola marxe esquerda da vía, co fin de mellorar a accesibilidade e o tránsito dos peóns no treito comprendido entre os puntos quilométricos 2+865 e o 3+075. A nova senda permite conectar as beirarrúas existentes dos núcleos das Barxas e de Sobral.

A nova, de tipoloxía de cuneta tendida transitable, dispón dun ancho de entre 1,5 e 2 metros, segundo a dispoñibilidade de espazo. Para acadar este ancho, nalgúns tramos concretos foi necesario escavar os desmontes existentes, coa mesma inclinación que o noiro previamente existente.

A senda realizouse en pavimento de formigón, con espesor de 12 centímetros e armado de mallazo, disposto sobre unha capa de chan seleccionado de 20 centímetros de espesor.

Destaca nesta obra a actuación desenvolvida no quilómetro 2+980 da vía, onde se substituíu o formigón por pavimento de laxas de granito moreno, similares ás do pavimento da fonte catalogada como elemento patrimonial etnográfico. A nova senda descorre así entre o pavimento de laxas de pedra da fonte e a plataforma da estrada.

Nesta intervención foi tamén necesario rasantear as tapas de rexistro da rede de saneamento e o retranqueo dun poste da rede de iluminación.

No treito de actuación tamén existe un pontón. Para salvar o seu paso, o departamento de Infraestruturas da Xunta prevé no futuro dispoñer unha pasarela peonil que poida salvar este punto.

A Xunta continúa co seu compromiso de mellora da rede viaria autonómica para favorecer os desprazamentos a pé de modo máis seguro e sustentable.