Inicio / Noticias / Ángeles Vázquez e o alcalde de Oza-Cesuras abordan o proxecto municipal para a creación dunha senda de Trasanquelos a Regueira
29/10/2023 - 11:01
Ángeles Vázquez e o alcalde de Oza-Cesuras abordan o proxecto municipal para a creación dunha senda de Trasanquelos a Regueira

Santiago de Compostela, 29 de outubro de 2023 A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Oza-Cesuras, Pablo González Cacheiro, abordaron o desenvolvemento do proxecto municipal para a creación dunha senda de Transanquelos a Regueira.

Durante unha reunión que mantiveron recentemente, o rexedor trasladoulle á conselleira este proxecto municipal para enlazar estas dúas contornas e, ademais, construír varias pontes sobre o río Mendo co obxectivo de dotar a este concello tanto dun novo espazo de lecer para a veciñanza como dun itinerario de interese para os visitantes no marco das actividades de turismo sostible.

Logo de salientar a notable compoñente medioambiental do proxecto, que encaixa no obxectivo do Goberno galego de poñer en valor o patrimonio natural de Galicia a través da busca dun equilibrio entre a súa imprescindible protección e conservación e un goce e uso público compatibles, a vicepresidenta segunda informou ao alcalde da posibilidade de que este proxecto opte á liña de axudas para actuacións de concellos e entidades en reservas da biosfera de Galicia xa que este municipio coruñés se localiza na reserva da biosfera Mariñas Coruñesas-Terras do Mandeo.