Inicio / Noticias / Convocadas para o 11 de decembro en Santiago as probas para exercer como xestor de transporte por estrada en empresas de mercadorías e de viaxeiros
25/11/2021 - 12:43
Convocadas para o 11 de decembro en Santiago as probas para exercer como xestor de transporte por estrada en empresas de mercadorías e de viaxeiros

Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2021.- A segunda convocatoria das probas de constatación da competencia profesional para o desempeño das funcións de xestor de transporte por estrada en empresas de mercadorías e de viaxeiros terá lugar o vindeiro 11 de decembro en Santiago de Compostela.

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución pola que se establece a data destes exames que se levarán a cabo no Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia. No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar a información: https://bit.ly/3xkepfQ

Os aspirantes inscritos e admitidos nesta nova convocatoria serán citados en chamamento único, en horario de mañá ou de tarde, segundo a tipoloxía do exame ao que se concorre. A primeira convocatoria de exames para este ano celebrouse o pasado 26 de xuño.

A convocatoria das probas de transporte interior e internacional de mercadorías comezarán a partir das 09:00 horas e as probas de transporte interior e internacional de viaxeiros a partir das 16:15 horas. En ambos os dous casos, o horario das probas será consonte co asignado a cada aspirante na correspondente relación de admitidos.

Ás horas indicadas nos listados de admitidos, procederase a chamar aos aspirantes en grupos de quince, pola orde estrita do listado, que entrarán na zona de acceso. Os chamamentos realizaranse en intervalos de 5 minutos, coa máxima puntualidade.

No exterior do recinto ofrecerase información sobre as medidas de seguridade para o acceso e a realización das probas, sendo obrigatorio, en todo caso, o uso de máscara.