Inicio / Noticias / A directora xeral de urbanismo asiste ao acto de celebración do día mundial da arquitectura, no concello da Estrada
02/10/2023 - 10:24
A directora xeral de urbanismo asiste ao acto de celebración do día mundial da arquitectura, no concello da Estrada

A Estrada (Pontevedra), 2 de outubro de 2023

A directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu esta tarde, acompañada do director da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU), Jacobo Hortas, no Concello da Estrada, ao acto de celebración do Día Mundial da Arquitectura, organizado pola delegación en Pontevedra do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG).

No marco desta xornada, a directora xeral, xunto con outras autoridades, representantes colexiais e veciños, visitaron a contorna da praza da Feira e da rúa Ulla desta localidade pontevedresa, que foi obxecto dunha actuación de humanización de cara a recuperar este espazo público como punto de encontro e lecer para a cidadanía.

O Día Mundial da Arquitectura, que esta edición se celebra baixo o lema Arquitectura para comunidades resilientes, conmemórase o primeiro luns do mes de outubro desde 1996 e ten por obxecto poñer en valor o papel dos arquitectos no que atinxe ao desenvolvemento das cidades e dos asentamentos. De feito, cómpre lembrar que o obxectivo número 11 da Axenda de Desenvolvemento Sostible previsto por Nacións Unidas para o ano 2030 fai precisamente referencia á construción de cidades seguras, inclusivas, resilientes e sostibles.