Inicio / Noticias / Ethel Vázquez adianta que os orzamentos da Xunta de 2024 recollen un investimento de 35 M€ para executar novas sendas que faciliten os desprazamentos cotiáns
21/10/2023 - 04:03
Ethel Vázquez adianta que os orzamentos da Xunta de 2024 recollen un investimento de 35 M€ para executar novas sendas que faciliten os desprazamentos cotiáns

Mugardos (A Coruña), 21 de outubro de 2023

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, adiantou esta mañá que os Orzamentos da Xunta de 2024 recollen un investimento de 35 M€ para executar novas sendas que faciliten os desprazamentos cotiáns.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade explicou  que o Goberno galego seguirá desenvolvendo itinerarios para fomentar a mobilidade sostible e segura, que se sumarán aos 250 quilómetros construídos na última década cun investimento de 50 M€.

Así o indicou na visita que realizou esta mañá á nova senda entre O Peteiro e O Baño, en Mugardos, unha actuación que supuxo un investimento da Xunta de preto de 550.000€. A conselleira estivo acompañada na visita polo alcalde, Juan Domingo de Deus, e pola delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros.

Sinalou que se trata de aumentar a seguridade nos desprazamentos a pé, ao habilitar un itinerario nesta estrada AC-131, que tamén contribúe a potenciar unha contorna de gran valor natural e de interese turístico, como é a praia da Bestarruza, a baía do Baño e o Castelo da Palma.

O itinerario conta con case 600 metros pola marxe dereita da estrada, desde onde finalizaban as beirarrúas que antes había ata a vía urbana de acceso ao Baño.

Cómpre lembrar que o proceso de información pública permitiu axustar o trazado da senda para mellorar a conexión cos itinerarios que xa había: ampliouse, así, a beirarrúa existente ocupando parte da beiravía da estrada e ampliouse a senda ata a rúa Rosalía de Castro, facéndoa tamén máis accesible.

Ethel Vázquez remarcou que este itinerario se deseñou buscando a máxima integración, o respecto ás propiedades e aos valores ambientais. Por iso, aínda que transcorre paralelo á vía, desvíase nalgún punto para non afectar ás árbores da contorna.

Tamén se executaron varios muros de mampostería para evitar a afección a unha vivenda e para reducir a altura do terraplén que presenta o terreo; e aproveitouse a obra para habilitar unha pequena zona de esparexemento con bancos.

Recordou que esta senda se suma a outras habilitadas na contorna, como a que une Mugardos e Ares, ao carón da estrada autonómica AC-130, que supuxo un investimento autonómico de 1,5 M€; ou a que conecta Franza e Rilo, con 1,3 km e case medio millón de euros, que vén de rematar.

O novo itinerario contou con fondos REACT-UE como parte da resposta da Unión á pandemia da COVID-19 dentro do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.