Inicio / Noticias / Ethel Vázquez avanza a licitación das obras para completar a mellora integral da estrada PO-235 na Lama, que suporán un investimento de 3,9 M€
04/12/2023 - 02:27
Ethel Vázquez avanza a licitación das obras para completar a mellora integral da estrada PO-235 na Lama, que suporán un investimento de 3,9 M€

A Lama (Pontevedra), 4 de decembro de 2023

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou hoxe a licitación das obras para completar a mellora integral da estrada PO-235 no concello de Lama, que suporán un investimento autonómico de 3,9 M€.

Vázquez Mourelle, xunto co delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, e o alcalde da Lama, David Carrera, trasladouse ata a Casa do Concello para presentar as novas actuacións nesta vía ao seu paso polo municipio, que se engaden as xa realizadas anteriormente, cun investimento de case 3,7 M€.

A conselleira explicou que este luns a Xunta licita por preto de 3,5 M€ as obras da 3ª fase de acondicionamento da PO-235, ao longo de case 7 quilómetros, entre a parroquia de Seixido e ata A Portela da Cruz, xa no límite coa provincia de Ourense que teñen como obxectivo mellorar as condicións de circulación, facilitando desprazamentos máis cómodos e seguros aos veciños.

Precisou que, cos terreos necesarios para a súa execución, a expropiación de 150 predios, o investimento autonómico ascende a 3,9 millóns de euros.

As empresas interesadas neste contrato teñen de prazo ata o 8 de xaneiro para presentar as súas ofertas.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade precisou que despois continuarase cos trámites necesarios para iniciar os traballos na primavera, cun prazo de execución de 12 meses.

Explicou que a Xunta avanzará en paralelo na adxudicación e na tramitación das expropiacións. De feito, concretou, este mesmo mes de decembro publicarase no Diario Oficial de Galicia as datas para o levantamento das actas previas e de ocupación dos terreos afectados, que se realizarán nos meses de febreiro e de marzo.

Ethel Vázquez explicou que con esta nova intervención se actuará nun treito de 7 quilómetros da PO-235, entre o quilómetro 18+100, á altura da parroquia de Seixido, e ata A Portela da Cruz, no quilómetro 25 da estrada.

Segundo detallou ampliarase a plataforma ata acadar os 7 metros de ancho. Isto significa que a vía disporá de 2 carrís cun ancho de 3 metros e beiravías de 0,5 metros en cada marxe, ademais de cuneta transitable de 1,50 metros. Agora mesmo a estrada nese treito ten estreitamentos que dificultan o cruce de vehículos, cun ancho máximo de 5,60 metros, un problema que quedará solucionado con esta intervención.

Tamén se mellorará o trazado en distintas curvas ao longo do tramo no que se vai a actuar. Actualmente a estrada é sinuosa, con curvas de radio reducido e incluso con curvas consecutivas ao longo de 1 quilómetro. A este respecto, a conselleira indicou como co obxectivo de facilitar a circulación e diminuír o risco de sinistralidade, procederase á rectificación daquelas de menor radio.

A intervención tamén inclúe a renovación do firme da estrada e a capa de rodaxe, así como a adaptación da drenaxe transversal da plataforma con tres puntos principais de evacuación. Ademais, procederase ao revestimento de cunetas e á renovación do tendido, sinalización vertical e horizontal, balizamento e defensas. 

A titular de Infraestruturas e Mobilidade subliñou que con esta nova intervención a Xunta segue traballando e investindo para ofrecer aos veciños da Lama maior seguridade e comodidade nos seus desprazamentos, culminado con esta nova actuación na estrada autonómica PO-235 o acondicionamento integral da vía ao longo dos seus 25 quilómetros, grazas a un investimento da Xunta de 7,6 M€.