Inicio / Noticias / Ethel Vázquez avanza que as obras de prolongación da autovía Santiago- A Estrada permitirán executar os enlaces completos da Ramallosa e de Pontevea para mellorar o servizo aos veciños de Teo e Vedra
02/12/2023 - 13:19
Ethel Vázquez avanza que as obras de prolongación da autovía Santiago- A Estrada permitirán executar os enlaces completos da Ramallosa e de Pontevea para mellorar o servizo aos veciños de Teo e Vedra

Teo (A Coruña),  2 de decembro de 2023 Ethel Vázquez avanza que as obras de prolongación da autovía Santiago-A Estrada permitirán executar os enlaces completos da Ramallosa e de Pontevea para mellorar o servizo aos veciños de Teo e Vedra.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade abordou hoxe coa alcaldesa de Teo, Lucía Calvo, as obras do novo treito da autovía Santiago-A Estrada, que se desenvolven neste municipio.

No encontro abordaron de xeito detallado as conexións da autovía co municipio de Teo, prevendo o trazado semienlaces na Ramallosa e Pontevea, de tal xeito que se permitan os movementos de tráfico en relación con Santiago, que son os máis frecuentes.

Vázquez Mourelle subliñou que xa co visto e prace do Concello, os técnicos e a empresa avanzarán para que as obras do novo treito da autovía AG-59 inclúan o enlace completo da Ramallosa e amplíen o de Pontevea.

Estes axustes permitirán que tamén os vehículos con destino ou orixe na Estrada poidan saír e entrar na autovía tanto desde o enlace da Ramallosa como desde o de Pontevea.

O proxecto da prolongación da autovía prevía a ampliación de ambos os enlaces, cando as circunstancias o permitisen. Pero, tal e como avanzou a conselleira, mediante uns axustes, considérase posible executar xa durante as obras actualmente en marcha o enlace completo da Ramallosa da AG-59, para que sexa posible realizar todos os movementos con orixe e destino tanto Santiago como A Estrada.

Engadiu que tamén é posible redeseñar o enlace de conexión coa AC-241 en Pontevea para que sexa completo e que, cando se execute o treito ata A Estrada sexa posible, tamén, realizar todos os movementos nas dúas direccións.

Salientou que completar os enlaces da AG-59 en Teo será posible sen case aumentar a expropiación de terreos, agás nun punto onde é preciso ocupar unha pequena franxa para un camiño de servizo e para a nova glorieta na AC-241.

Autovía AG-59

Cómpre lembrar que a Xunta comezou o 31 de outubro os traballos para prolongar a AG-59 desde o seu remate actual, na Ramallosa ata Pontevea, confluíndo coa estrada AC-241.

A responsable de Infraestruturas sinalou que as obras teñen un prazo de execución de 20 meses e supoñen un investimento da Xunta de 32,3 M€.

Trátase dunha actuación complexa, que supón a execución dun novo teito de 3,5 km de autovía libre de peaxe, con 6 estruturas: o viaduto de Santa Lucía e 5 pasos inferiores e superiores.

Remarcou que o obxectivo é aumentar a seguridade viaria e a calidade de vida dos veciños de Teo e da Estrada, que van estar máis preto de Santiago de Compostela. Apuntou que este fito se verá culminado coa posta en marcha do seguinte treito, que chegará desde Pontevea ata o do Rollo, xa na Estrada e que suporá un investimento doutros 30 M€.

Precisou que a Axencia Galega de Infraestruturas ten xa moi avanzado o proxecto construtivo desa actuación, que debe ser supervisado e corrixido para, unha vez aprobado, iniciar as expropiacións e a continuación licitar as obras, previsiblemente, xa o vindeiro ano 2024.