Inicio / Noticias / Ethel Vázquez avanza que a Xunta porá en servizo en abril un aparcadoiro disuasorio en Ribadumia cun investimento de 545.000 € para fomentar as viaxes compartidas en torno á autovía do Salnés
01/03/2024 - 02:08
Ethel Vázquez avanza que a Xunta porá en servizo en abril un aparcadoiro disuasorio en Ribadumia cun investimento de 545.000 € para fomentar as viaxes compartidas en torno á autovía do Salnés

Ribadumia (Pontevedra), 1 de marzo de 2024

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade en funcións, Ethel Vázquez, avanzou esta mañá que a Xunta porá en servizo en abril un aparcadoiro disuasorio en Ribadumia cun investimento de 545.000 € para fomentar as viaxes compartidas en torno á autovía do Salnés.

 

A titular de Infraestruturas e Mobilidade en funcións, co delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, e co alcalde, David Castro, supervisou hoxe as obras deste aparcadoiro que se está a executar na contorna da rotonda entre a autovía do Salnés e a VG-4, en Barrantes.

 

Trátase dun equipamento de máis de 2.800 metros cadrados que lles facilitará aos condutores un punto de encontro para facer uso de vehículo compartido, tanto nas viaxes pola contorna da comarca, como para cara as áreas de Pontevedra, Vigo ou Santiago.

 

Os traballos, iniciados no verán, actualmente superan o 35 % de execución, pois xa se preparou a explanada, executáronse as instalacións de drenaxe, iluminación e a preinstalación de videovixilancia e dos puntos de recarga para vehículos eléctricos.

 

Na actualidade, as tarefas céntranse no peche e valado perimetral e na extensión de saburra. Nas próximas semanas acometerase o pavimento e habilitaranse as zonas peonís, para finalizar logo coa iluminación, axardinamento e sinalización.

 

Características

Este espazo ten como obxectivo poder deixar o automóbil de xeito cómodo e seguro e desprazarse, despois, compartindo coche cara ao lugar de estudos ou de traballo diario, contribuíndo á implantación de zonas de baixas emisións.

 

Nesta parcela adxacente á estrada provincial poranse á disposición 77 prazas de estacionamento, todas en batería, das cales 2 se reservan para persoas con mobilidade reducida. Tamén se habilitará a preinstalación de 3 puntos de recarga para vehículos eléctricos.

 

De xeito máis concreto, das 77 prazas, 26 situaranse nunha illa central que estará rodeada dunha franxa perimetral para o tránsito peonil seguro; e o resto disporanse nos bordos da estrada e do leito do río, separadas destes por unha beirarrúa.

 

Tanto no perímetro exterior do aparcadoiro como na illa central vaise habilitar unha franxa verde na que se plantará arborado. Tamén se colocarán 9 luminarias e 6 cámaras de vixilancia.

 

Ademais levarase a cabo o acondicionamento do viario de acceso existente, reforzando o firme en todo o ancho da plataforma, elevando o paso de peóns actual e habilitando outro novo.

 

A intervención inclúe ademais unha varanda para protexer a zona cara ao leito do rego San Martiño e valo para delimitar o aparcadoiro coa finca colindante.

 

A conselleira destacou que estas obras se acometen con sensibilidade, atendendo a petición dos veciños, que solicitaron que se eliminen as “orellas” das beirarrúas que poden dificultar o tránsito dos ciclistas, moi frecuentes nesta zona.

 

A intervención enmárcase nos proxectos impulsados polo Goberno galego ao abeiro dos fondos Next Generation, co fin de fomentar a mobilidade sostible.

 

O Goberno galego traballa agora para poñer á disposición dos galegos unha rede de aparcadoiros disuasorios que fomenten o vehículo compartido en enclaves estratéxicos como Vilagarcía, no Morrazo, en Marín, en Lugo ou en Ferrol.