Inicio / Noticias / Ethel Vázquez destaca a licitación hoxe dos proxectos da nova estación de autobuses intermodal de Lugo e do espazo público dos terreos da actual terminal
18/10/2019 - 04:33

Lugo, 18 de outubro de 2019.- A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, salientou a licitación hoxe da redacción dos proxectos para construír a nova estación de autobuses intermodal de Lugo e executar un espazo público nos terreos da actual terminal.

Vázquez Mourelle detallou que o contrato de redacción do proxecto da estación conta cun orzamento de case 195.000 euros e un prazo duns 11 meses, e sinalou que as empresas interesadas poden presentar as súas ofertas ata 4 de novembro.

Para a redacción do proxecto básico, que vai definir os aspectos fundamentais da obra establécese un prazo de 5 meses, aos que se suman outros 6 meses máis para a redacción do proxecto de execución, que xa definirá, ao detalle, os materiais, elementos, sistemas construtivos ou equipamentos necesarios.

O obxecto deste contrato é a redacción do proxecto básico e de execución da terminal de autobuses, considerando os estudos previos da Xunta e o anteproxecto da nova área de transporte intermodal de Lugo redactado polo ADIF.

A conselleira indicou que tal e como recollen os estudos previos e o anteproxecto, o espazo de circulación de dársenas e as plataformas coa súa cuberta de protección deberán ir enriba do aparcadoiro subterráneo incluído no proxecto que redactará ADIF.

Subliñou que cómpre buscar unha perfecta integración da nova terminal de autobuses tendo en conta o espazo no que se situará o novo edificio de atención aos viaxeiros e as dársenas de transporte.

Engadiu a importancia de determinar os materiais construtivos e o deseño arquitectónico da terminal, buscando a maior funcionalidade e servizo aos usuarios e o menor impacto na súa contorna, así como de definir as entradas e saídas da terminal, tanto para os autobuses, como para turismos ou o tránsito de peóns.

Espazo público e intercambiador de transporte

A conselleira de Infraestruturas tamén avanzou a licitación hoxe da asistencia técnica para redactar o proxecto de demolición do actual edificio e acadar un espazo público de uso social, ambiental e comercial que incluirá un intercambiador de transporte.

Neste caso, o prazo establecido para a redacción do proxecto é de 5 meses e o orzamento ascende a case 48.000 euros. Ao igual que no anterior, as empresas interesadas terán ata o 4 de novembro para facer chegar as súas ofertas.

A construción da nova terminal de autobuses implicará que a actual estación deixe de funcionar como tal, polo que cómpre definir o uso que se lle vai dar a estes terreos para a súa integración na trama urbana, evitando o impacto que podería xerar ter unhas instalacións pechadas en pleno centro da cidade.

Neste sentido, a Xunta está a traballar para dotar aos veciños dun gran espazo público con zonas de paseo, mobiliario urbano, parque infantil, zonas verdes e na que se reserva espazo para pequenos locais comerciais ou de restauración.

Ademais deseñarase un punto de parada de autobús intermedio, con marquesiña, que sirva como intercambiador e desde o que se podería habilitar un bus lanzadeira cara á intermodal.

Orzamentos da Xunta para 2020

Ethel Vázquez concretou que estes dous proxectos estratéxicos están recollidos nos Orzamentos da Xunta para 2020, que prevén que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade invista máis de 47 M€ na provincia de Lugo.

Puxo en valor a aposta destes presupostos por vertebrar o país, por potenciar o rural e polo equilibrio territorial, xa que se investirá máis de 140 € por cada lucense.

Destacou que no capítulo de gastos, este é o orzamento con máis gasto social de todos os que leva aprobado na Xunta, marcando máximos nos fondos destinados a Sanidade. Así, no caso de Lugo, permitirán que a Consellería de Infraestruturas execute primeiro Centro Integral de Saúde de Galicia e mellore os accesos ao Hospital de Calde.

A Axencia Galega de Infraestruturas continuará investindo na mellora das estradas da provincia, ás que destinará máis de 23 M€, destacando a obra de conversión en autovía do Corredor entre Láncara e Sarria, cunha achega de 3 M€.

As contas autonómicas tamén recollen unha partida de 450.000 euros para o Plan Paradai, á espera de que o Concello solucione os problemas de permisos coa Confederación Hidrográfica Miño- Sil, ou outra de 300.000 euros para avanzar no proxecto da Rolda Leste.

No eido da mobilidade, a conselleira indicou que unha contía de 14 M€ posibilitará financiar uns servizos renovados de transporte en autobús grazas ao Plan de Transporte Público de Galicia, que ademais ampliará o uso da tarxeta Xente Nova ata os 21 anos para viaxar gratis nos autobuses interurbanos.

As estacións de autobuses de varios concellos desta provincia tamén serán acondicionadas a través dun investimento duns 600.000 euros.

En relación ás actuacións hidráulicas, Augas de Galicia investiremos preto de 9 M€ en proxectos como a mellora da EDAR de Viveiro, xa en contratación e á que se vai destinar 1,3 M€; no mantemento das depuradoras de Ribadeo e Alfoz; ou na mellora do abastecemento a Castro de Rei.