Inicio / Noticias / Ethel Vázquez insta ao goberno de España a demostrar cun Plan Director completo unha aposta polo Corredor Atlántico equivalente á do Mediterráneo
25/10/2023 - 08:40
Ethel Vázquez insta ao goberno de España a demostrar cun Plan Director completo unha aposta polo Corredor Atlántico equivalente á do Mediterráneo

Santiago de Compostela, 25 de outubro de 2023

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, instou hoxe ao Goberno de España a demostrar coa aprobación dun Plan Director completo que mantén unha aposta polo Corredor Atlántico equivalente á do Mediterráneo.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade fixo balance esta tarde no Parlamento galego do encontro celebrado o pasado día 4 de outubro co secretario de Estado de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana en Madrid que, segundo reiterou, só serviu para confirmar os xa evidentes retrasos en actuacións estatais prioritarias e a falta de compromiso no impulso dos proxectos de interese estratéxico para Galicia, tanto en estradas como en ferrocarril.

Na súa intervención, Ethel Vázquez informou de que nese encontro participou tamén o Comisionado do Corredor Atlántico, de forma a Xunta puido manter o seu primeiro encontro con este responsable 9 meses despois de ser nomeado e actuar de forma “desconcertante”.

Segundo, dixo, no encontro a Xunta confirmou a falta do compromiso para avanzar de xeito decidido no desenvolvemento do Corredor Atlántico Noroeste, para o que as comunidades autónomas de Galicia, Asturias e Castela e León estiman necesario un investimento de 8.000 M€. A conselleira remarcou que a Xunta seguirá loitando e instando ao Goberno de España para que aprobe un Plan Director completo, con investimentos e prazos. 

Así mesmo, a Xunta seguirá reclamando que os trens Avril estean funcionando no 1º trimestre de 2024, a nova data ofrecida polo Goberno de España, tras producirse adiamento tras adiamento das datas anteriormente comprometidas;  e a dotación das 7 unidades deses trens de rodadura desprazable que reclama Galicia, tendo en conta que o Ministerio de Transportes aínda descoñece os criterios que vai empregar para facer ese reparto entre os territorios interesados neste tipo de convois. 

Plan de actuación integral na A-6 e transferencia da AP-9

Na súa intervención no Parlamento autonómico, Ethel Vázquez insistiu na necesidade e na urxencia de que o Ministerio de Transportes leve a cabo un plan de actuación integral na A-6, ante os problemas e incidencias constantes que se rexistran nesta autovía estratéxica de comunicación coa meseta; ademais de axilizar a reconstrución dos viadutos para poder restablecer, canto antes, os 5 carrís de circulación existentes.

Asegurou, tamén, que a Xunta seguirá demandado ao Goberno de España a transferencia da AP-9 porque, tal e como se lle deu a outros territorios, dixo, non se lle pode negar a Galicia.

Segundo detallou Ethel Vázquez, a conclusión do encontro mantido o pasado 4 de outubro co secretario de Estado de Transportes e outros representantes do Ministerio, é que todas as infraestruturas estatais en Galicia que estaban pendentes de executar seguirán pendentes.

Salientou que a autovía de conexión entre Lugo e Santiago, a A-54 non vai estar rematada antes de 2025, tal e como confirmou o propio Ministerio. Tampouco a Xunta acadou concreción ao respecto do impulso doutras autovías estatais estratéxicas, como a autovía Vigo-O Porriño; a da Mariña; a A-76 Ourense-Ponferrada; ou a autovía Lugo-Ourense.

Ethel Vázquez incidiu en que as previsións sobre a finalización da autovía Lugo-Santiago foi, de feito, xunto coa negativa a transferir a AP-9, o único dos moitos asuntos abordados no transcurso da reunión en Madrid no que o secretario de Estado de Transportes foi claro.

Na reunión a Xunta tamén constatou que o Ministerio de Transportes non vai rectificar e permitir que os lucenses dispoñan de alta velocidade ferroviaria, xa que non ten previsto executar as variantes de Rubián e Os Peares que permitirían mellorar os tempos de viaxe entre Ourense e Lugo; ao igual que tampouco ofreceu nin prazo nin estimación de investimento para que a alta velocidade chegue a Ferrol.

Así mesmo, non se concretaron avances na Saída Sur de Vigo nin tampouco para a nova conexión internacional de alta velocidade sobre o río Miño. A este respecto, a conselleira lamentou a desidia do Goberno de España por impulsar a conexión en alta velocidade con Portugal, en contraposición co que está a facer o Executivo luso, que ten unha planificación con prazos e investimentos que fixa como horizonte para esa conexión o ano 2030, e ten anunciado xa a licitación, para o vindeiro mes de xaneiro, do proxecto de obra do primeiro treito do AVE Vigo-Porto-Lisboa.