Inicio / Noticias / Ethel Vázquez trasládalle á alcaldesa de Santa Comba que a Xunta está a redactar o proxecto para construír unha senda na estrada AC-404, entre A Ponte e Santa Catalina
15/04/2019 - 03:14
Ethel Vázquez trasládalle á alcaldesa de Santa Comba que a Xunta está a redactar o proxecto para construír unha senda na estrada AC-404, entre A Ponte e Santa Catalina

Santiago de Compostela, 15 de abril de 2019.- A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, vén de trasladarlle nunha xuntanza á alcaldesa de Santa Comba, María Pose, que a Xunta está a redactar o proxecto para a construción dunha senda na estrada AC-404, concretamente no tramo que une os núcleos da Ponte e Santa Catalina.

Neste encontro, no que se abordaron actuacións de interese neste municipio, Vázquez Mourelle tamén lle explicou á rexedora que o Goberno galego está redactando o proxecto da 2ª fase de acondicionamento da estrada Portomouro- Santa Comba (AC-406), no treito entre Abuín e Faílde.

Esta actuación supón darlle continuidade ás obras de mellora que están en execución no treito desta mesma vía que conecta Abuín e o parque empresarial deste municipio.

Os traballos que se están a acometer consisten na execución dun trazado alternativo á actual estrada que evite o paso pola travesía do núcleo de Salgueiroas. Esta vía retirará o tráfico do núcleo de poboación e propiciará maior comodidade nos desprazamentos e unha redución nos tempos de percorrido.