Inicio / Noticias / Gabriel Alén pon en valor o dispositivo invernal da Xunta para garantir a mobilidade da cidadanía na rede autonómica de estradas da provincia
06/11/2023 - 02:25
Gabriel Alén pon en valor o dispositivo invernal da Xunta para garantir a mobilidade da cidadanía na rede autonómica de estradas da provincia

Ourense, 06 de novembro de 2023

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, participou xunto co subdelegado do Goberno na provincia, Emilio González, na Comisión de coordinación provincial para a seguridade viaria en situacións meteorolóxicas extremas. O obxectivo desta xuntanza, que se celebra cada ano por estas datas, é coordinar medios e actuacións da Xunta e do Goberno central encamiñadas a garantir seguridade viaria dos condutores na época invernal de climatoloxía adversa.

O delegado territorial informou do operativo que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade desprega na provincia de Ourense ao abeiro do Plan de Vialidade Invernal do Goberno galego, posto en marcha o pasado 1 de novembro e que estará operativo ata o 30 de abril, e fixo unha chamada á prudencia e á concienciación social dos condutores para que extremen as precaucións ao volante nesta época onde a climatoloxía é adversa.

Na reunión, na que participaron representantes da Deputación provincial, das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, DXT, Agrupación de Tráfico, Estradas do Estado en Ourense, Protección Civil e membros da Fegamp, Gabriel Alén explicou que “estes recursos permitirán a atención e o mantemento dos algo máis de 1.000 km de estradas autonómicas na provincia para acadar condicións de seguridade viaria, especialmente nas épocas con episodios de climatoloxía adversa”.

O Goberno galego conta na provincia ourensá con 6 centros operativos de conservación e explotación dotados con 2.000 toneladas de acopio de fundentes. Un dispositivo no que traballarán 83 profesionais que disporán de 46 máquinas, entre elas, camións, pick-up, retros, cuñas, follas, esparexedores de sal e estendedores de salmoira.

A provincia de Ourense, con 97 estradas da Rede Autonómica de Estradas de Galicia, é a que ten máis vías autonómicas sensibles de rexistrar incidencias por neve ou xeo. En total 1.000 km, que supoñen un 44% da súa rede autonómica, pero aproximadamente 450 km son os máis susceptibles de sufrir fenómenos meteorolóxicos adversos pola súa altitude.

O Plan de vialidade invernal

O delegado territorial sinalou que coa activación do Plan, a Xunta quere garantir a mobilidade en condicións de máxima seguridade a todos aqueles cidadáns que a diario empregan as vías autonómicas para desprazarse. O programa recolle un conxunto de medidas preventivas para anticiparse aos problemas que poidan xurdir, e tamén paliativas, para reforzar a seguridade viaria ante situacións meteorolóxicas desfavorables.

A Xunta vén desenvolvendo todos os anos, entre o 1 de novembro de 30 de abril, o Plan de vialidade invernal mediante un amplo despregue de medios materiais e humanos para facilitar a mobilidade nos 5.500 km de estradas da súa titularidade.

O obxectivo desta iniciativa é mellorar as condicións de circulación na rede de estradas da comunidade, que se poden ver dificultadas no inverno pola presenza de fortes choivas, a formación de placas de xeo ou a aparición de neve.

Ademais de recoller protocolos de actuación, o plan prevé unha especial vixilancia das estradas para detectar posibles incidencias; e a achega de información permanente aos usuarios, a través dos paneis informativos nas estradas, de internet e o teléfono (coa colaboración do 112 ou da DXT) ou coa difusión da situación nos medios de comunicación.

O Goberno galego destina cada ano un importante investimento para levar a cabo tarefas de conservación nas vías, entre as que destacan estas accións de vialidade invernal. Os Orzamentos da Xunta de 2024 recollen, concretamente, un incrementando de preto dun 8% do investimento destinado á seguridade viaria e á conservación das estradas autonómicas, acadando os case 53 M€.