Inicio / Noticias / Galicia participa no proxecto que creará o maior corredor ecoturístico de Europa no norte peninsular
29/11/2023 - 13:00

Santiago de Compostela, 29 de novembro de 2023

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, presentou hoxe ao sector o proxecro Corredor de Ecoturismo da España Verde, a iniciativa na que participa Galicia xunto ao resto de Comunidades do norte peninsular co que se pretende crear o maior corredor ecoturístico de Europa.

Ante distintos representantes do sector e entidades susceptibles de adherise á iniciativa, Xosé Merelles salientou a oportunidade deste proxecto para que Galicia avance nun modelo turístico sustentable desde o punto de vista social e ambiental. Xunto a Asturias, Cantabria e o País Vasco ofreceranse experiencias turísticas dentro dos espazos naturais protexidos de cada comunidade. Crearase tamén unha rede de axentes colaboradores no territorio, achegarase formación a empresas e xestores de recursos, deseñaranse e crearanse experiencias, productos e servizos novidosos a cargo de empresas locais.

“A nosa intención é deseñar un percorrido polo norte de España a través dunha gran ruta, unha viaxe de coñecemento e desfrute polos principais lugares da España Verde, onde Galicia terá o seu protagonismo”, indicou o director de Turismo. Será un traballo conxunto entre xestores dos destinos, asociacións, empresarios e xestores de espazos protexidos.

Impulso ao rural

No proxecto, que está financiado polos fondos Next Generation, poderán participar os espazos naturais protexidos que desexen colaborar, tamén empresas situadas no medio rural e natural vinculadas á observación da fauna, aloxamento, empresas de turismo activo, así como empresas que conten con certificación en sostibilidade que queiran crear paquetes e produtos de ecoturismo. Ao mesmo tempo está aberta a axentes locais e ambientais, axencias de receptivo e operadores especialistas en natureza, entre outros.

As catro comunidades participantes deseñaron un plan de acción para poñer en marcha unha rede de actores do Corredor de Ecoturismo a través de formación e certificación en Ecoturismo e Sostenibilidade de empresas turísticas. Organizaranse para iso charlas, cursos, seminarios e auditorías. Tamén se deseñarán experiencias e productos de ecoturismo e se creará unha marca e un plan de comunicación e promoción para o mercado nacional e internacional. A conclusión do proxecto, con data de finalización en novembro de 2024, permitirá crear o maior corredor de ecoturismo de Europa e conta coa participación da Asociación de Ecoturismo de España.