Inicio / Noticias / Licitadas por case 20 M€ as obras da terminal de autobuses e do aparcadoiro subterráneo da estación intermodal de Lugo
16/11/2023 - 05:01
Licitadas por case 20 M€ as obras da terminal de autobuses e do aparcadoiro subterráneo da estación intermodal de Lugo

Santiago de Compostela, 16 de novembro

O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, destacou hoxe a aprobación no Consello da Xunta da contratación das obras da terminal de autobuses e do aparcadoiro subterráneo da estación intermodal de Lugo por un importe que rolda os 20 millóns de euros, e dos que a Xunta asume o 65 % do custo. 

Rueda puxo en valor esta licitación para facer realidade unha infraestrutura que cualificou de “estratéxica” para a cidade e que implicará un investimento global de case 50 millóns de euros. No entanto, considerou necesario de que estea acompañada dun aumento de servizos de tren e da garantía de que esta cidade estará conectada coa alta velocidade, en referencia tamén ao cumprimento dos tempos de viaxe comprometidos, 3 horas 47 minutos na conexión con Madrid. “Agardamos que ese compromiso, que xa é moi urxente, sexa certo a partir de agora”, demandou.

Rueda lembrou que a licitación aprobada hoxe no Consello está recollida no convenio “a tres bandas” asinado o pasado día 17 de marzo entre a Xunta, o Concello de Lugo e Adif, no que se fixou que a achega do Goberno galego para o desenvolvemento da nova área de transporte intermodal de Lugo, ascenderá a un total de 12,8 millóns de euros.
 
Deste xeito, segundo detallou o mandatario galego, a Xunta financia con 8,5 millóns de euros o 100 % a construción do edificio de viaxeiros e as dársenas con capacidade para unha vintena de autobuses.
 
En canto ao aparcadoiro, que vai estar xusto debaixo da dársena, contará con 240 prazas e 8 máis para persoas con mobilidade reducida. Rueda explicou que a Xunta asumirá o 40 % do custo, con 4,7 millóns de euros, mentres que o resto correrá a cargo de Adif.
 
Deste xeito, a Xunta incrementa nun 50 % a contía que ía destinar inicialmente á terminal, xa que agora fai fronte tamén a parte dos custos do aparcadoiro, do que se ía facer cargo integramente Adif.
 
Rueda avanzou que a previsión é iniciar as obras no ano 2024, de xeito coordinado cos traballos da estación do ferrocarril, que lle corresponde executar a Adif.

Estación ferroviaria

A intermodal de Lugo complétase coa nova estación ferroviaria, cuxa redacción do proxecto e execución é responsabilidade de Adif. Esta intervención inclúe un novo edificio e un paso inferior, que financiará integramente o organismo estatal, cun investimento de 16,1 M€. 

A intermodal tamén levará aparellada a construción dun novo paso inferior peonil de cidade entre o centro urbano e o parque do Sagrado Corazón, que conectará ambos os lados da canle ferroviaria, incluídos os seus accesos, elementos de comunicación vertical e urbanización asociada. O orzamento destas intervencións ascende a preto de 11,7 M€ e será financiado nun 60 % por parte de Adif e nun 40 % polo Concello. 

Compromiso coa intermodalidade

O Goberno galego mantén o seu compromiso na aposta pola intermodalidade en Galicia, a través do deseño de infraestruturas funcionais, eficientes e estéticas que permitan un intercambio áxil e seguro entre os distintos modos de transporte. 

O proxecto da estación de autobuses intermodal da Xunta inclúe as actuacións necesarias para a construción da terminal próxima á de ferrocarril, na que os autobuses e os viaxeiros poden acceder á mesma cota. Construirase un edificio de viaxeiros e unha zona de dársenas con capacidade para 18 autobuses, máis 5 de regulación, cun investimento de 8,5 M€ que será asumido integramente pola Xunta.

A terminal terá unha superficie de 550 m2 e distribuirase en dous andares. Na cota de dársenas disporase un interior con espazos diáfanos en que se atopen as zonas de atención a viaxeiros ou a cafetería e o andar superior destinarase a usos administrativos e instalacións da xerencia da terminal. 

Os autobuses accederán ás dársenas a través dun novo viaduto que conectará coa glorieta existente da rúa Paradai de Arriba, e os viaxeiros a través da entrada principal do edificio. A Xunta será tamén a encargada de executar estas obras e asumirá o 37,5 % do seu importe, cunha achega autonómica de case 4,3 M€.  

O compromiso da Xunta para a execución dos 2 proxectos nun único contrato está motivado pola complexidade na coordinación técnica e administrativa ao executar ambas as obras de forma coincidente no tempo e no espazo.  

Ademais, esta única licitación simplifica operacional e funcionalmente a coordinación de actividades, tanto desde o punto de vista de orde e optimización dos recursos, como de seguridade nas obras. 

Tras a licitación destas obras, o departamento de Infraestruturas da Xunta licitará os contratos de asistencia técnica necesaria para o seguimento das actuacións. O proxecto da intermodal de Lugo será cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, a través do programa operativo Feder Galicia 2021-2027. 

Os orzamentos da Xunta de 2024 reservan unha partida de 5,75 millóns de euros para iniciar as obras da estación de autobuses intermodal.