Inicio / Noticias / Máis de 300 voluntarios limparán nos próximos días unha vintena de montes e sendas dentro da campaña apoiada pola xunta 1m2 contra a basuraleza
02/12/2023 - 11:02

Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2023 Máis de 300 persoas participarán ao longo dos próximos días nunha vintena de batidas de limpeza programadas por toda a Comunidade dentro da campaña 1m2 polo campo, os bosques e o monte, unha iniciativa impulsada a nivel nacional por SEO/BirdLife e Ecoembes no marco do proxecto Libera e que en Galicia conta co apoio da Viceprsidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

No marco desta sétima edición da campaña, que comeza hoxe e rematará o vindeiro domingo 10 de decembro, as batidas de limpeza previstas en Galicia levaranse a cabo en contornas localizadas nos municipios de Santiago de Compostela, Vilasantar, Ferrol, Ourense, Xinzo de Limia, Verín, Baiona, Cambados, Mos, Ponteareas, Pontevedra e Vigo. A maioría delas están organizadas por asociacións e entidades privadas aínda que tamén as hai a iniciativa de particulares e centros educativos.

Galicia é unha das comunidades máis implicadas na tarefa de conservación dos espazos naturais e, de feito, o nivel de participación dos galegos nas actividades colaborativas que se organizan ao longo do ano para loitar contra a chamada basuraleza é cada vez maior.

Cómpre lembrar que a Xunta se sumou en 2017 por primeira vez ao proxecto Libera e desde entón vén apoiando as sucesivas campañas de limpeza que ao longo do ano se organizan en Galicia, como a que vai poñer o foco de atención sobre o coidado das contornas dos nosos montes e campos.

Estas accións de voluntariado enmárcanse no proxecto Libera, que naceu hai uns anos co obxectivo de concienciar á cidadanía sobre a presenza de lixo na natureza e chamala a mobilizarse fronte a este problema medioambiental.