Inicio / Noticias / O avance nas obras de conexión da autovía Tui-A Guarda coa A-55 fará necesario un corte de tráfico en ramais do enlace desde este xoves
03/10/2023 - 08:22

Santiago de Compostela, 3 de outubro de 2023

O avance nas obras de conexión da autovía Tui-A Guarda coa A-55 fará necesario o corte de tráfico en ramais do enlace con esta última estrada a partir deste xoves.

Para executar o enlace do punto quilométrico 30 na autovía A-55 e conectar coa vía de altas prestacións Tui-A Guarda, cómpre construír un novo ramal de incorporación á autovía en sentido Portugal desde a glorieta elevada, na calzada dereita.

Co obxectivo de continuar avanzando na execución das obras, garantindo a seguridade dos traballadores e dos usuarios da autovía, procederase ao corte total dos ramais de entrada e saída da calzada dereita da A-55, entre os puntos quilométricos 30+100 e 30+600.

Os traballos desenvolveranse desde este xoves ata o vindeiro 25 de outubro.

Para isto, esta semana cortarase o ramal de incorporación sentido Portugal e a próxima semana pecharase o ramal de entrada ao enlace, sentido Tui-Polígono de Areas.

De xeito máis concreto, para circular sentido Tui-Portugal, en calzada crecente, haberá acceso desde o polígono ao tronco da autovía Tui-A Guarda, logo á A-55, sentido decrecente e na saída 29B, cambio de sentido para incorporarse novamente á autovía, sentido crecente.

No caso do sentido Portugal-Tui, en calzada decrecente, desde o punto 30+100 da A-55, continuarase e na saída 29B farase un cambio de sentido para incorporarse de novo á autovía e saír no ramal de nova construción, logo á autovía Tui-A Guarda, ao tramo en servizo, accedendo a Tui polo polígono de Areas.

A circulación cara ao ramal de entrada da calzada dereita sentido crecente non terá afeccións, pois estará operativa a través do ramal de nova construción do punto quilométrico 30+000.

O tronco da autovía e os ramais do enlace xa se atopan sinalizados, co cambio de sentido da saída 29B indicativo para incorporarse á estrada sentido Tui-Portugal.

O Goberno galego segue avanzando nesta infraestrutura viaria, cun grao de execución que supera o 82%. Esta intervención supón un investimento autonómico de 30 M€ e é estratéxica para reforzar a seguridade viaria e aumentar a competitividade nesta contorna.